Opinión

EDITORIAL Rojo debe demitir

    O Parlamento galego, embora non sexa aínda unha cámara verdadeiramente soberana, expresa a vontade democrática da nosa sociedade. Debe ser sempre altifalante das demandas das e dos cidadáns.

O Parlamento galego, embora non sexa aínda unha cámara verdadeiramente soberana, expresa a vontade democrática da nosa sociedade. Debe ser sempre altifalante das demandas das e dos cidadáns. Por iso debemos empregar os cualificativos máis duros para nos referirmos aos ataques que recebeu estes últimos días precisamente por parte da maxistratura, a súa presidencia, que está mandatada para garantir que esa función de expresión da vontade popular se manifeste sen nengunha caste de restrición.
Que a presidencia tencione monopolizar o dereito a estender convites ás e aos cidadáns para asistiren aos plenos é unha pretensión tan grotesca como reveladora dun talante antidemocrático e autoritario. Que non contenta con iso chegue ao límite de acusar de atentado contra a institución a quen libremente exerceu o seu dereito a expresarse politicamente -@s deputad@s da oposición que resolveron non acudir ao pleno extraordinario de debate orzamentalrevela até que ponto Pilar Rojo ten perdido os papeis, até que ponto está inhabilitada para continuar a desempeñar a súa alta función institucional.

División de poderes
A crise vivida estes días no Parlamento galego -auténtico golpe de man contra a propia institución- ten como orixe a absoluta supeditación de Rojo á estratexia partidaria da maioría gobernante. Prodúcese así unha aberrante violación da necesaria división de poderes entre o executivo e o lexislativo.
Rojo non é árbitro, Rojo entra na melee e xoga descaradamente a prol da equipa feijoniana.
En realidade, ignoramos se Rojo está incómoda co seu papel institucional e tenciona facer méritos para recalar no futuro no goberno -talvez con Feijóo en Madrid, talvez con Rueda en Santiago- ou se o que acontece é que Rojo se limita a obedecer as ordes do aparato.
En calquera caso, tanto ten: a presidenta do Parlamento está moi lonxe de cumprir adecuadamente coa súa función e neste momento é un problema obxectivo para que se restabeleza un convivio normal na Cámara entre a maioría gobernante e a oposición. Xulgamos que non ten opción distinta
á de apresentar a súa demisión. Cómprelle ao PP restabelecer os dereitos dos cales os grupos parlamentares viñeron gozando ininterrompidamente desde que existe este Parlamento. Non é aceitábel que a presidencia da cámara se converta nun atranco que impida a relación fluída entre a sociedade e o seu Parlamento.

Comentarios