Opinión

Editorial: Cae o mito da solvencia

Opinión

Editorial: Cae o mito da solvencia

  Sempre o intuímos, mais agora xa non é unha percepción, é unha realidade: a frase fetiche de Feijóo de que Galiza era a comunidade máis solvente do estado é unha pura quimera, unha consigna falsa do departamento de propaganda de San Caetano.

Sempre o intuímos, mais agora xa non é unha percepción, é unha realidade: a frase fetiche de Feijóo de que Galiza era a comunidade máis solvente do estado é unha pura quimera, unha consigna falsa do departamento de propaganda de San Caetano. Un mito que funcionou na campaña electoral (nunca negamos a enorme capacidade de intoxicación do goberno galego e das súas terminais mediáticas, públicas e semi-públicas), mais un mito ao fin. A realidade teimuda ábrese paso. No orzamento para 2013 a única partida que se incrementa de forma significativa é a da débeda (un aumento superior ao 10 por cento) e até o PP admite que o sistema de financiamento é inxusto con Galiza (aínda que non votou en contra del no Consello de política fiscal e financeira).

Artificios e trampas contábeis

Así que en realidade a comunidade máis solvente do estado é unha das comunidades máis endebedadas e cun déficit público máis galopante, enmascarado en boa parte con todo tipo de artificios e de trampas contábeis. Lembremos a ese respecto que en plena campaña electoral coñecemos que o goberno Feijóo fecha os compromisos de pagamento anuais á altura de setembro e traslada partidas (até por un valor de 400 millóns de euros) dun exercicio contábel ao seguinte.

Non admira, por tanto, que esta mesma semana Feijóo admitise a hipótese de Galiza pedir o resgate, despois de negar esa posibilidade en reiteradas ocasións. O presidente do goberno galego non refuga agora botar man do Fondo de liquidez autonómica (FLA), caso de obter nel un financiamento máis barato daquel que lle ofrecen os mercados privados.

A verdade é que o FLA se cría precisamente para amarrar financeiramente as comunidades autónomas ao estado, dentro da estratexia de centralización do poder económico en Madrid. É produto dunha estratexia pactada polo goberno co gran capital financeiro. Os bancos péchanlle a billa ás autonomías e préstanllo directamente ao estado. Como se trataba de facilitar a vitoria de Feijóo, con Galiza decretouse unha moratoria bancaria da cal non puido gozar, por exemplo, Catalunya. Así continuou a fluír crédito bancario rumbo a San Caetano. Garantida a reelección, a billa péchase agora, e Feijóo terá que pedir quenda en Madrid.

Desta non saímos con resgates que traerán os homes de negro de Montoro. Desta só sairemos se somos quen de rachar a dependencia.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios