Opinión

Ecos pre-invernais 2012, Ferrol ao fondo

Nin dereito ao traballo, nin dereito á vivenda, nin dereito á educación, nin dereito á sanidade, nin dereito á xustiza. Recortes a pouco e pouco, sempre as ordes dos que desde hai uns meses xa non se chaman mercados, que a palabra xa perdeu o seu aquel. O único polo que debemos de nos preocupar é por navegar na crise. A iso andamos, no camiño cara ao neocón mundo ideal, sen dereitos sociais que molesten.

Nin dereito ao traballo, nin dereito á vivenda, nin dereito á educación, nin dereito á sanidade, nin dereito á xustiza. Recortes a pouco e pouco, sempre as ordes dos que desde hai uns meses xa non se chaman mercados, que a palabra xa perdeu o seu aquel. O único polo que debemos de nos preocupar é por navegar na crise. A iso andamos, no camiño cara ao neocón mundo ideal, sen dereitos sociais que molesten. Protexamos a moderna especulación, eses homes exemplares que, para a sociedade progresar, deben xogar arreo, especular e facer máis, máis e máis cartos, progreso.

Non vos enganedes, esa é a política a acatar. Se falla, pois velaí está o completo e complexo aparello do estado que tamén está adestrado, que ninguén teña dúbidas, para roubar o dereito á pouca liberdade individual que fica. E, como vos poñades en plan disidente, ídela ter ben clara.

Poñamos un exemplo. Vaiamos, sen ir máis lonxe, a Ferrol, a comezos do novembro do ano que andamos, á casa dunha parella, un home e mais unha muller de non moito máis de trinta anos, coñecidos pola súa implicación en movementos sociais. Como no poema de Niemöller mandaron ir por eles unha noite. E levaron a canda eles o cativo, o fillo que teñen, de oito meses, que pasou unhas horas no trullo sen comer, pois é lactante, e dous días arredado da nai. Ao mesmo tempo, como noutras ocasións semellantes, a orquestra comeza a tocar.

Cantos anos de dedicación debeu custar que non desafine, esta orquestra dos medios de comunicación que se din democráticos!. Portáronse ben, desta volta. Do neno non se di nin palabra. E reprodúcense respectuosamente os datos que alguén parece redactar ao ditado. Eran terroristas, e así o reflectiron cabalmente os papeis dos diarios e as súas edicións dixitais, así saíu na radio e na televisión, cos seus nomes e cos seus apelidos e coas súas fotos. A sociedade debe estar ben informada, debe saber ben sabido quen é esta xente. Independentistas galegos nestes tempos de globalización, non nos fagades rir, por favor!

A ela ceibouna o xuíz a mesma mañá na que a levaron a Madrid. Non lle imputaron nada, pero parte do traballo xa está feito, pois para contar da súa posta en liberdade a orquestra toca agora, como debe ser, piano, pianissimo. Nas hemerotecas xa fica, ben rexistrada, a súa detención por terrorista.

El saíu un mes e uns días máis tarde, con cargos, despois de depositar unha fianza. Tamén pouco se soubo da súa posta en liberdade provisoria, pois os serios medios de comunicación, cando o fixeron, dedicáronlle unhas liñas cativas. Perfecto. Ademais, no xuízo sempre se pode remexer nalgunha cousa, malo será, que estamos a falar da experimentada Audiencia Nacional, pola que non han tardar en pasar outras persoas, das mesmas características, que xa están entre rellas, lonxe da súa contorna, ben ciscadas polas cadeas da nosa xeografía española. A ver se lles deran un bo escarmento. Polo menos a prensa ha fornecer cumprida información do perigosos que son, que o lector ou lectora non teñan dúbidas.

En fin. Sempre se coa algo da disidencia na internet, nas redes sociais, nos xornais electrónicos, que de momento son moi malos de controlar. Pero isto non é moi preocupante. Alí len sempre os mesmos. E, ademais, os que andan pola vida de intelectuais críticos, que son os mesmos que alimentan e escriben nestes medios, tamén non lle dedican moito tempo a estas cuestións. Teñen moito traballo coa crise económica e con outros lerios, sóbralles moito en que enredar.

Xosé Luís Santos Cabanas, mediados de decembro de 2012

P.S. Quen transcribe estes ecos pre-invernais quixera mandarlle unha aperta a Xulio, un compostelán que vive en Ferrol coa súa compañeira e o seu fillo de nove meses.

Comentarios