Opinión

Doutor Vázquez opera con éxito ao Depor

Seguro que moitos siareiros deportivistas acabaron co corazón na boca e mirando de esguello cara á porta de urxencias do CHUAC. Finalmente, os tres puntos, os primeiros fóra da casa, van cosendo a fonda e mortal ferida pola que se lle escapa a vida aos herculinos na Primeira División. A hemorraxia do colista semellaba imposible, pero os puntos, seis nos dous últimos partidos, axudan a suturar o torrente sin fin.

Seguro que moitos siareiros deportivistas acabaron co corazón na boca e mirando de esguello cara á porta de urxencias do CHUAC. Finalmente, os tres puntos, os primeiros fóra da casa, van cosendo a fonda e mortal ferida pola que se lle escapa a vida aos herculinos na Primeira División. A hemorraxia do colista semellaba imposible, pero os puntos, seis nos dous últimos partidos, axudan a suturar o torrente sin fin. Unha vitoria que transporta plaquetas para axudar a taponar esa sangría que sofre desde hai meses.

Puidera parecer que o de onte foi como un domingo de resurrección, pero non é certo porque para que se produza o milagre os de Fernando Vázquez aínda teñen que superar unha distancia de catro puntos entre os que sinalan o punto de corte entre a permanencia e o abismo do descenso. Pero algo mudou no Depor nas últimas semanas. Malia o mal prognóstico do equipo coruñés, en Son Moix certificouse que pese a estar en estado agonizante ten forzas para loitar.

O adestrador galego semella que deu cun diagnóstico que mudou o cadro clínico do enfermo

O adestrador galego semella que deu cun diagnóstico que mudou o cadro clínico do enfermo. Xuntou as liñas, o seu equipo ten o balón, triangula e move con sentidiño, cando perde presiona para recuperar o antes posible o esférico e converte máis goles cós que encaixa. Toda unha novidade nesta temporada. Soa sinxelo, pero para un club de fútbol en apuros a tarefa da supervivencia é colosal. Os doutores José Luis Oltra e Domingos Paciencia non souberon practicar a cirurxía axeitada no paciente e arruinaron a saúde do que tiñan entre mans.  A remontada soa a aventura case imposible, pero o Depor agora afronta cada cita coma se fose unha operación a vida ou morte.

Ante o Zaragoza, hase verse se ao Depor lle aguanta o pulso

Na mesa de operacións, onte fallaron algúns elementos. Marchena, por exemplo, estivo torpe, sen potencial suficiente para achicar, descentrado e pouco atinado. Aranzubía lento e negado ante a adversidade, todos os rexeites acaban con el. E tamén nula efectividade no ataque. Pero iso so durou 20 minutos, ata que Víctor Casadesús marcou o gol para os locais. Antes, na nefasta etapa de Oltra e Domingos, cando o Depor recibía un gol o equipo convertíase nun flan e colapsaba. Agora, o Depor arrisca con control, non se enrruga, non perde a cara do encontro, non baixa os brazos, e amosa recursos para darlle a volta ó curso das cousas. E así chegou, rápido, un gran gol de Silvio, o segundo consecutivo do lateral. A partir de aí a historia do Mallorca en Son Moix minguou soberanamente. Nada mais comezar o segundo tempo, Marchena reparou a súa desastrosa primeira parte cun gol. Riki e Pizzi envalentonados enganaron á defensa balear e facturaron un talentoso e necesario terceiro tanto. Un gol intelixente. A goleada puido ser maior porque os de Vázquez mereceron mais, pero, quen coñece ben a historia deportivista sabe que non existe partido tranquilo cos branquiazuis. Nsue puxo dos nervos ó Depor, que ata tivo que pedir a hora para marchar de quirófano con ben. 

A operación foi un éxito. Pero o vindeiro sábado o paciente volve a someterse a unha nova ciruxía agónica. Iso sí, agora semella que o expirante revive. Ante o Zaragoza hase ver se ao Deportivo lle aguanta o pulso.

Comentarios