Opinión

Do Papa arxentino ás redes sociais

Habemus Papam. Ou quizais máis que “habemus” habería que dicir “habent” porque non todos nos consideramos pertencentes a Igrexa Católica Romana. E sen embargo todos e todas opinamos, discutimos e falamos desta organización.

Habemus Papam. Ou quizais máis que “habemus” habería que dicir “habent” porque non todos nos consideramos pertencentes a Igrexa Católica Romana. E sen embargo todos e todas opinamos, discutimos e falamos desta organización. E as redes sociais son, desde o momento en que se pronunciou esa coñecida frase, un medio de propagación de críticas, loanzas, afirmacións, noticias sobre o novo Pontífice.

Por unha parte os detractores fixeron circular nun primeiro momento o seu pasado supostamente colaboracionista coa ditadura arxentina dos anos setenta. Posteriormente foron as súas declaracións de corte machista. E por outra banda, os seus defensores falaron da súa posición ao lado dos pobres e o seu traballo nas vilas miseria de Bos Aires. Ou da súa sinxeleza e da súa formación académica. Así que por momentos parece que falamos de dúas persoas distintas. Algo non sorprendente cando nos referimos á cabeza visible dunha relixión que nos fala da Santísima Trindade.

Non serei eu quen me poña dun lado ou doutro. Non coñezo ao novo Papa e non tiven tempo para contrastar todas as noticias que leo del. E aí quero chegar. Vivimos nunha época na que a información circula sen límites de fronteiras, á velocidade da luz. As redes sociais propician que recibamos inxente cantidade de datos e noticias. Esa mesma velocidade é usada tamén para “retransmitilas” co que iso comporta de falta de tempo para a reflexión. 

Hai uns días falaba a un grupo de escolares sobre a fiabilidade da información na rede e da propagación de datos persoais en Internet. E contáballes que antes para subir unha foto a Internet, había que tomala cunha cámara, chegar á casa,conectala ao ordenador para traspasala ao disco duro, conectarse á rede social e subir a foto. Algo que levaba un tempo. Hoxe en día abonda con tomar a foto co móbil e cunha pulsación do dedo xa temos subida á foto a Internet. E unha vez subida xa non hai remedio: está xa en circulación.

Pois o mesmo sucede coas noticias: lemos unha noticia, e se por calquera razón nos atrae, retransmitímola de contado. Parámonos a contrastar a súa veracidade? Creo que poucas veces. E así podemos enxalzar ou desfacer a unha persoa.

"Lemos unha noticia, e se por calquera razón nos atrae, retransmitímola de contado. Parámonos a contrastar a súa veracidade?"

Volvemos ao Papa Francisco. Non o coñezo de nada, pero eu podería colgar en Facebook unha noticia inventada por min dicindo, por exemplo, que foi condenado no seu tempo de seminarista por violación, e de seguro que o bombazo correría como pólvora e sería reproducida por todos lados ata que alguén con “autoridade” a desmentira. Pero mentres tanto o mal para esa persoa estaría xa feito.

E continúo falando da veracidade das fontes con outro exemplo recente e real destes días: a morte de Hugo Chávez. Moitas das persoas que criticaron e critican continuamente a información que xornais como “El País” dan sobre a situación española, tachándoa de partidista e interesada, aceptaron sen melindres a visión que dá da sociedade e do pobo venezolano e a difundiron por Internet como verdadeira. Como pode ser iso? Será que queremos ter a visión que desexamos ter?

As redes sociais e Internet son un medio excelente e marabilloso para a libre circulación da información, pero non exime do espírito crítico e da reflexión. Se prescindimos desta capacidade, Internet pode ser tamén un poderoso medio de manipulación. 

Así que non coñezo realmente nada do meu homónimo Jorge Bergoglio –agora mudado en Paco– . Sei que é o novo Papa, que foi arcebispo en Bos Aires e pouquiño máis. Ler si que xa lin moito del. Pero o que me vai interesar máis vai ser se de verdade será quen de cambiar a estrutura e o modo de traballar do “aparato” da Igrexa Católica para que sexa verdadeiramente un motor de promoción dos máis desfavorecidos –e non un aliado dos poderosos do mundo– e un instrumento de liberación –e non de alienación dos pobos–. Algo que realmente é consubstancial ao cristianismo. Non teño moitas esperanzas e para min a súa figura só será relevante se o consegue. De non ser así, tanto me terá que se chame Paco, Bieito ou Xanciño. Mentres tanto, non perdo o tempo en dedicarlle liñas nas miñas redes sociais. Teño cousas máis interesantes e máis próximas das que falar.

Comentarios