Opinión

Do estigma á estima

Propostas para un novo discurso lingüístico, da autoría da profesora Valentina Formoso Gosende; un ensaio que ofrece, a partir da análise das actitudes da mocidade en contextos sociais galegofalantes, unha mostra significativa da persistencia dos estereotipos negativos sobre a lingua galega, cun monllo de preconceptos que explican a deslealdade lingüística da xente máis nova, e que poñen en evidencia, máis alá da frialdade estatística, o noso fracaso colectivo como sociedade á hora de construírmos un imaxinario social positivo a prol da normalización do idioma.

O estudo non resulta especialmente novidoso na descrición dalgúns vellos prexuízos que trinta anos de política lingüística non foron quen de eliminar ou reducir, mais si resulta esclarecedor á hora de explicar a súa pervivencia nos sectores máis novos da poboación, é dicir, naquelas mozas e mozos que naceron e medraron durante a actual etapa democrática, e que, a priori, e tendo en conta todos os esforzos e cartos que se levan investidos en proxectos de normalización, deberían reflectir outras actitudes cara ao idioma moito menos negativas para a súa transmisión interxeracional.

"Pon en evidencia o noso fracaso colectivo como sociedade á hora de construírmos un imaxinario social positivo a prol da normalización do idioma".

Esas actitudes dedúcense do propio discurso dos adolescentes sobre o idioma e, por tanto, non representan eruditas elucubracións teóricas, senón un achegamento experimental á súa realidade psicolóxica e emotiva. Son reflexo dunha forma de pensar e sentir que está presente de xeito maioritario no entorno xuvenil, e que Valentina Formoso sintetiza en catro grandes apartados:

  • a) @s adolescentes galegofalantes non aceptan ben a norma culta do galego, ben porque a perciben como moi distanciada da fala propia, ben porque o seu uso constitúe unha marca de ideoloxía nacionalista. Así mesmo, perciben a norma como algo artificial e alleo, que responde a un uso ritualizado por parte de persoas e institucións que usan un galego de laboratorio, cuns trazos fonéticos e morfolóxicos que lles soan estraños.
  • b) @s adolescentes galegofalantes seguen a considerar como un acto de boa educación cambiar de idioma cara ao castelán ante interlocutores que empregan esa lingua; este proceso non o perciben como deslealdade lingüística, senón como unha norma implícita de “boa urbanidade”.
  • c) @s adolescentes galegofalantes seguen a estigmatizar o seu propio acento, sobre todo cando falan en castelán, porque o asocian a unha marca identitaria negativa fóra do entorno familiar ou veciñal máis próximo.
  • d) @s adolescentes galegofalantes non asumen, de modo xeral, as medidas normalizadoras do ensino, pois no imaxinario social e familiar pesa máis a necesidade de adquirir destreza comunicativa en linguas hexemónicas como o castelán ou inglés ca o sentimento de afecto cara á lingua propia.

Estas actitudes xuvenís xorden, en opinión da autora, de representacións negativas moi asentadas na sociedade galega, tales como a vinculación da lingua ao ámbito rural, a un nivel social baixo e a un rexistro coloquial; a carón destes clixés máis tradicionais, triúnfan entre a mocidade outros máis recentes como a perversa relación que se establece entre novo galego urbano, ideoloxía nacionalista e radicalismo ideolóxico. Por último, segue a actuar en contra do noso idioma o prexuízo de que resulta unha lingua pouco útil, especialmente no ámbito laboral e no das relacións internacionais.

Mais o ensaio de Valentina Formoso non se limita a un diagnóstico exacto dos estereotipos que afectan ao imaxinario do idioma, senón que tamén ofrece unha revisión crítica sobre o papel do ensino de galego e o de ensino en galego no noso sistema educativo. 

En termos globais, a autora ofrece unha análise pormenorizada de distintos asuntos moi relevantes para entendermos o fracaso do ensino como axente normalizador: desde o enfoque descritivo dos contidos de Sociolingüística no currículo da materia de Lingua galega e Literatura, pasando pola escasa formación do profesorado neste eido, ata o voluntarismo case heroico polo que pasaron moitos Equipos de normalización e dinamización lingüística nos centros. E como pano de fondo, as diversas etapas da política lingüística e dos decretos educativos, que deitan moitas máis sombras ca luces.

"No labor normalizador aposta por mover os marcos establecidos e reformular ideas e mensaxes, tácticas e enfoques"

Mais se cadra a parte máis interesante do libro reside no apartado referido a discursos e estratexias sobre o enfoque que debe adoptar o labor normalizador. Un espazo que aposta por mover os marcos establecidos e reformular ideas e mensaxes, tácticas e enfoques. Son moitas as suxerencias que ofrece Valentina Formoso para nos convidar a un debate sereno e reflexivo, mais gustaríame citar unha parte nuclear dese novo enfoque sobre a cuestión da lingua:

“A realidade da lingua é moito máis complexa ca a política, ca ser ou non ser nacionalista, polo tanto, pensamos que se debería tender a promover un discurso no cal a lingua se presente como sinal de identidade da sociedade galega, non dun partido político determinado. […] Por iso sería fundamental potenciar desde os centros educativos un argumentario baseado en criterios pedagóxicos, apoiados en estudos de expertos en aprendizaxe de linguas, separando o proceso de promoción do galego das reivindicacións políticas. Cómpre reivindicar a opinión dos especialistas en educación e mais dos profesionais do ensino para contrarrestar discursos mal fundamentados de diferentes grupos, políticos ou non, que crispan o tema lingüístico. E toda a información débese canalizar, bem argumentada, cara a nais e pais e toda a sociedade, non só cando o pide o trebón político”.

Convídoos, pois, a unha lectura atenta deste ensaio; e logo, desde un criterio aberto e xeneroso, a que extraian as súas propias conclusións. Mais sempre, como indica Valentina Formoso, desde o camiño que se vai facendo ao andar.

Comentarios