Opinión

Dignidade: xaneiro de 2003, xaneiro de 2010, xaneiro de 2013

O domingo 27 temos unha cita ineludíbel en Compostela, ás 12 da mañán sairá da alameda a manifestación convocada pola Plataforma Cidadá Queremos Galego! en esixencia da derrogación do Decreto de Plurilingüísmo e contra o Anteproxecto da LOME (coñecida popularmente como Lei Wert.)

O domingo 27 temos unha cita ineludíbel en Compostela, ás 12 da mañán sairá da alameda a manifestación convocada pola Plataforma Cidadá Queremos Galego! en esixencia da derrogación do Decreto de Plurilingüísmo e contra o Anteproxecto da LOME (coñecida popularmente como Lei Wert.)

Penso que non son precisos moitos argumentos para convencer da importancia de asistir, pois ao longo dos últimos meses foron abondosas as ocasións nas que o Partido Popular encheu de argumentos esa mobilización, desprezando o noso idioma, pasando das sentenzas do TSXG eles que din ser xente de orde, recortando no ensino público, buscando a eliminación das xa cativas competencias de Galiza, etc…

Dado que as veces o endemoñado ritmo das nosas vidas impídenos facer un alto para ollar en perspectiva quero lembrar hoxe outras duas mobilizacións celebradas tamén en mes de xaneiro e nas que Galiza amosou a súa capacidade para reaxir fronte ás agresións e ao desprezo.

Van alá dez anos e a moitos e moitas viralles á memoria lendo estas liñas un 22 de xaneiro de 2003 no que o profesorado galego foi quen de organizar un berro multitudinario contra a catástrofe ecolóxica que naquel momento sofría o noso país. Despois de semanas de traballo nos centros de ensino, despois de amenazas por parte da Consellería de Educación, despois de ter que buscar moitos autobuses en Portugal pois aquí xa non quedaban, e cun labor organizativo sen precedentes fomos quen de desprazar milleiros de escolares á Costa da Morte, segundo as crónicas de algúns medios de comunicación eran máis de 55.000, e alí formamos unha inmensa cadea humana de protesta contra o desprezo do goberno español do que era ministro Mariano Rajoy e da Xunta de Galiza presidida por Fraga.

E foi un 21 de xaneiro de 2010 cando o ensino galego deu un apoio masivo á convocatoria dunha Folga Xeral contra o anteproxecto de decreto de plurilingüísmo, unha folga complexa pois moitos inicialmente non vían posíbel que o profesorado secundase unha mobilización de carácter tan político, unha mobilización acompañada dunha manifestación en Compostela que superou todas as expectativas e houbo de rematar nunha Praza do Obradoiro que se encheu por duas veces.

Se ben estas duas mobilizacións tiveron un elemento de protesta e de rexeitamento non podemos esquecer que toda mobilización supón tamén unha reafirmación de quen participa nela, unha reafirmación de defensa duns dereitos, unha reafirmación nestes dous casos do orgullo de sermos galegos e galegas fronte a duas agresións contra elementos básicos da nosa identidade, o noso medio, o noso mar, o noso idioma…. E no traballo informativo, axitativo e organizativo das mobilizacións de 2003 e 2010 ao igual que na do vindeiro domingo a columna vertebral segue a ser o nacionalismo.

Vémonos o 27.

Comentarios