Opinión

Un Día da Patria nado dun clamor social

O Día da Patria Galega 2015 promete facer historia e é ben e necesario que a faga.


O Día da Patria Galega 2015 promete facer historia e é ben e necesario que a faga. O seu formato inédito -a convocatoria da manifestación xorde dun impulso social- é produto dunha demanda que nace en largos sectores do pobo galego, un clamor a prol da unidade entre todas e todos aqueles que conciben Galiza como unha nación que debe aspirar a todos os dereitos que como tal lle corresponden.

O Manifesto pola Unidade, a iniciativa que dá pé á convocatoria deste Día da Patria Galega tan singular, expresa ben que atravesamos momentos históricos extraordinarios, nun contexto marcado polo avanzo do soberanismo, nomeadamente en Catalunya, e pola resposta antidemocrática dun Estado, o español, que no canto de se abrir a negociar novos marcos -como fixo o Reino Unido recentemente- amaga con suspender a autonomía e con utilizar os tribunais contra o pobo catalán.

Se algo demostran os procesos de Escocia e Catalunya é que a autodeterminación só se pode conquistar desde a unidade nacional e desde a auto-organización

Nese cadro a unidade nacional galega tórnase como condición sine qua non para situar Galiza en disposición de non perder o tren das nacións. Se algo demostran os procesos de Escocia e Catalunya é que a autodeterminación só se pode conquistar desde a unidade nacional e desde a auto-organización, desde o principio de que cada pobo debe atopar o seu camiño a partir dos seus propios recursos e das súas propias capacidades.

A marcha do 25X é unha boa achega para alcanzar esa necesaria unidade nacional. A cousa non debe ficar aí. A responsabilidade que teñen os axentes implicados no proceso -cidadanía activa, si, mais tamén as forzas políticas- é enorme e deben estar á altura das circunstancias.

Comentarios