Opinión

Desmesura parlamentaria

O mércores foi o típico día de apearse do país, de podelo deter. De onde sacamos eses parlamentarios, en Galicia, unha poboación tan prudente e comedida, que pensa antes de falar e mesmo ten fórmulas lingüísticas para darse tempo? Facía falta tanto alboroto para pillar a un presidente que xa está abondo enredado cos propios feitos e declaracións, que se meteu de seu na gaiola? As súas mentiras xa o teñen descualificado para que a cidadanía acredite en nada do que diga no futuro o seu indigno dignitario. Que só vía o corpo Dourado, dámos creto, pero que non sabía a quen pertencía, xa é tomarnos o pelo. E ula a neve? Que despiste! Tod@s sabemos que as montañas nevadas son de Falanxe española. 

Á Oposición chegáballe con especificar os datos de índole económica e corrupta derivados da súa confesión, e pedirlle que se fose con elegancia, como faría calquera presidente dun país civilizado. Pois non. Aí foi o pranto e o renxer de dentes! O corpo Dorado pasou de ser narcotraficante a asasino. E fághocho ver con testighos mortos que antes foran aguerridos deportistas...

"Facía falta tanto alboroto para pillar a un presidente que xa está abondo enredado cos propios feitos e declaracións, que se meteu de seu na gaiola?"


Con este argumento desmesurado e cos gritos e xestos con que foi esgrimido, a Oposición perdeu o fío que debía conducir inexorablemente á renuncia de Feixoó, sacou os pés do suculento prato servido e desbarrou. 

Porque nin os fabricantes de coches que van a 250 por hora, nin os que anuncian e venden mulleres obxectas de consumo, son asasinos dos conductores que morren por exceso de velocidade ou das mulleres masacradas, en última instancia, pola degradación e humillación a que son sometidas. Son inmorais, enriquécense vilmente, cómpre xulgalos e erradicalos da sociedade, como fixeron as mulleres de Érguete, no caso da droga ou intentamos as feministas na venda de corpos femininos. 

A cidadanía tampouco é parva. Ao chegar a un restaurante onde teñen a man coitelos enriba das mesas non se lles ocorre discutir e espetarlle un no ventre a un comensal. 

A protección consiste no respecto humano, nas normas éticas, na honradez, na sinceridade, na obriga dos gobernantes de seren modelo de orientación para a cidadanía. Con iso tiña dabondo a Oposición para despedir con siso a un Presidente que perdeu o norte, cando menos o Noroeste. 

Comentarios