Opinión

Desde Girona

Nada gostaría máis do que ser a voz da cordura que xorde entre a confusión e a parva palabraría, entolecida, da retórica sobre a posíbel independencia de Catalunya.

Nada gostaría máis do que ser a voz da cordura que xorde entre a confusión e a parva palabraría, entolecida, da retórica sobre a posíbel independencia de Catalunya. Quen me dera ver cunha clareza escintilante xa non o incerto futuro, mais si o revirado presente que nos enfronta cuase sen querermos a unha discordancia de pareceres tan radical que na miña propria familia hai algunhas persoas que se teñen manifestado abertamente a favor da soberanía, outras que o fixeron en contra e outras que non chegaron a se manifestar e fan aquilo tan catalán de nadar e gardar a roupa.


"Nunca deberíamos rebaixar as nosas ambicións nen resignármonos a unha existencia chea de renuncias e abandonos."

Por desgraza, a miña condición de escritor maldito -se se me permitir descreber dese xeito a teimuda resistencia do mercado a consagrar os meus libros como best sellers– non me confire a autoridade necesaria para oferecer unha visión que se puder considerar incontestábel, como as que tanto inzan ambos bandos dun debate que, no pior dos casos, promete ternos entretidos como mínimo até 2014. En calquer caso, procurarei aproveitar o espazo que me brinda este xornal para ir comentando con máis o menos ironía este e outros asuntos desde a perspectiva dun xornalista –si, tamén son xornalista– que enxerga o mundo desde Girona e opina que calquer proxecto, for individual ou colectivo, contén certas doses de aventura que, alén da inevitábel preponderancia do factor económico, constitúen un canto á liberdade. Ser libre pode parecer complicado, talvez unha utopía, mais nunca deberíamos rebaixar as nosas ambicións nen resignármonos a unha existencia chea de renuncias e abandonos. Falo de Catalunya? Por suposto. Falo de Galiza? Tamén.

Comentarios