Opinión

Descapitalización de Galiza e reacción social

 

Estes primeiros días de Maio deixáronnos imaxes contrapostas, distintos planos dun mesmo país que dan conta da súa complexidade e das súas contradicións.

Estes primeiros días de Maio deixáronnos imaxes contrapostas, distintos planos dun mesmo país que dan conta da súa complexidade e das súas contradicións. Por unha banda, o presidente fuxitivo, Núñez Feijóo, após a súa viaxe a México. Por outra banda, a multitude nas rúas o 1 de Maio, a reivindicar os seus dereitos e a rexeitar masivamente as políticas implementadas polo Partido Popular, que non son outra cousa que as políticas que impón a Unión Europea a un Estado que na práctica está intervido desde Maio de 2011 (o mes en que Zapatero claudicou e renunciou ao xa de por si escaso pouso socialdemócrata da súa política económica).

Falabamos de presidente fuxitivo, pois non doutro xeito, de fuxida, se pode cualificar a súa viaxe a México. Liscou de Galiza escorrentado polo balbordo do escándalo da súa relación de amizade cun capo do narcotráfico. Estes días soubemos que conseguiu Feijóo no país azteca, alén de pór millas de por medio con Galiza. Novos contratos para o sector naval? Prazos para o fabrico dos xa lendarios floteis? Oportunidades de negocio para empresas galegas no xigante norteamericano (si, presidente, México está no norte do continente americano e non no sur como vosté equivocamente o situou nunha conferencia de imprensa, ao mellor estilo do inefábel George W. Bush).

Pois nada diso. Feijóo non selou en México ningunha operación que supuxese maior facturación para ningunha empresa galega, creación de valor, de postos de traballo. Non, Feijóo o único que fixo en México foi intermediar para vender unha empresa galega, para transferir a propiedade dunha compañía deste país ao estranxeiro. Feijóo foi a México a vender un dos estaleiros privados emblemáticos de Galiza, Barreras. A iso foi. A continuar a súa política de desmantelamento e descapitalización da base produtiva de Galiza. Desde que el está en Monte Pío Galiza é máis feble, máis inxusta -117.000 parad@s máis desde 2009- e cunha economía máis dependente do exterior (non é o mesmo que sobre Barreras se decida en Vigo do que en México DC)..

Esa política neoliberal -a mesma que levou ao desaparecemento das caixas, á perda de control de R, á absorción do Banco Pastor, á quebra de Pescanova- é a que foi masivamente contestada nas rúas de Galiza este 1 de Maio por millares de galegas e de galegos, fartos xa de que a crise-fraude estea a resultar no apioramento das condicións de vida da inmensa maioría social mentres o 1 por cento da populación vive máis opulentamente do que nunca.

Saudamos a contestación social a estas políticas e a mobilización do pobo galego en demanda dos seus dereitos. A situación é moi grave e precisa de respostas proporcionadas a esa gravidade. Pensamos, nese sentido, plenamente atinada a chamada que a CIG fai a unha nova greve xeral, contra o Partido Popular e contra o actual deseño da Unión Europea. Non están as cousas para perdermos o tempo con chamadas a negociación con quen nos está estafando. É tempo de acumular forzas nas rúas e de facer ver aos poderosos que o pobo quer ser o protagonista do cambio radical que precisamos para saírmos con ben desta. E saírmos con ben significa saírmos con xustiza social e con soberanía. Para sermos nós e non outros, o Estado mexicano por exemplo, que decida sobre a nosa economía.

Comentarios