Opinión

(Des)información e (in)solidariedade

Pregúntome por que non esiximos máis información. Por que non invadimos os foros (reais e vituais) con palabras como inxustiza ou vidas inocentes.

Dende hai xa uns días somos testemuñas da enorme cobertura mediática dos tráxicos acontecementos de Boston. Os xornais e as tertulias televisivas non deixan de tratar o tema e tentar definir as súas chaves. As imaxes foron amosadas unha e outra vez, ata a saciedade. E novamente volve a ser común o emprego, máis que dubidoso, de termos como radicalismo, islamismo, terrorismo. Esta cobertura mediática, por suposto, ten repercusión e reflexo na opinión pública. Nos foros aparecen decote, con grandes caracteres en maiúscula, expresións que denuncian a inxustiza, a ameaza, o perigo do fanatismo que acaba con vidas inocentes. E non deixamos de repetir e repetir, como mostra de solidariedade, que todas e todos “somos Boston”. 

 "Pregúntome por que non esiximos máis información. Por que non invadimos os foros (reais e vituais) con palabras como inxustiza ou vidas inocentes".

Hai uns días, nunha poboación preto de Dhaka, morreron máis de 300 persoas e máis de mil resultaron feridas. A meirande parte eran traballadoras e traballadores de diversas fábricas téxtiles. Que mala sorte. Que cousas pasan nestes países subdesenvolvidos. Unha mágoa e pouco máis. Non se multiplican as noticias, non se ofrecen as chaves, non se tentan revelar as incógnitas. Parece que as empresas contratantes eran europeas e seguramente ben coñecidas por nós. Parece que houbo denuncias previas do mal estado das instalacións e que esas empresas obrigaron igualmente o persoal a acudir ao traballo. Por non saber, caramba, non sabemos días despois nin sequera de quen era o edificio. 

Pregúntome onde está o xornalismo de investigación neste caso. Pero tamén me pregunto onde é que estamos nós, a opinión pública. Pregúntome por que non esiximos máis información. Por que non invadimos os foros (reais e vituais) con palabras como inxustiza ou vidas inocentes. Nin sequera parece ter importancia que as víctimas fagan a roupa que temos nos nosos armarios. Será que efectivamente a alienación non nos deixa ver máis alá do que nos ofrecen os medios de desinformación dominantes? Ou será que un par de vaqueiros a prezo de saldo fai que se suavice a nosa curiosidade e, de paso, a nosa solidariedade? Ou será que o noso fanatismo tamén obriga a poñer veo, neste caso diante dos ollos? 

Pregúntome, en definitiva, por que, aquí, non somos Dhaka.

Comentarios