Opinión

A dependencia de Feijóo

Unha das habilidades que o neoliberalismo desenvolveu con máis precisión, e que o presidente da Xunta mellor aplicou,  foi a de intentar facernos crer que unha serie de conquistas sociais logradas nas derradeiras décadas entraban nesa relación de circunstancias que nos  permitían vivir  

Unha das habilidades que o neoliberalismo desenvolveu con máis precisión, e que o presidente da Xunta mellor aplicou, foi a de intentar facernos crer que unha serie de conquistas sociais logradas nas derradeiras décadas entraban nesa relación de circunstancias que nos  permitían vivir  “por enriba das nosas posibilidades” e, daquela, eran perfectamente prescindíbeis, argüíndo, se houber que explicar o caso, necesidades de control de débeda e culpabilizando, sempre que se presentar tribuna pública en que o aclarar, gobernos anteriores, especialmente os que non eran do PP.

Sob esa premisa, o desmantelamento do chamado “estado do benestar” foi un obxectivo incansabelmente perseguido polo seu goberno, aínda que para iso houbese que deixar de exercer competencias lexítimas e obedecer fielmente os mandados de Madrid.

"O desmantelamento do chamado “estado do benestar” foi un obxectivo incansabelmente perseguido polo goberno Feijóo"

Na campaña de 2009, Feijóo prometeu ao electorado máis axudas á dependencia e maior facilidade na tramitación. Cinco anos despois, o gasto por habitante e ano en dependencia na Galiza (91 euros) é a metade de, por exemplo, Cantabria e a política de recortes en sectores básicos, que obriga os cidadáns a os repagar,  parece non ter fin, xa se trate de ensino ou sanidade; de igualdade, benestar ou dependencia.

O presidente da Xunta xustifica os cortes en “decisións de ámbito estatal” e, ao mesmo tempo, en contraposición a estes recortes, Feijóo non dubida en agrandar os "agasallos fiscais" do Goberno ás grandes rendas, baixando o tipo de tributación máxima do IRPF do 52 % ao 45 %, e ás empresas do IBEX que seguen a aumentar beneficios en tempos de crise.

É o seu sentido do benestar, o seu propio e o do seu partido, en harmoniosa dependencia ambos dun modelo político no que as persoas só serven como man de obra

 Nun contexto como o actual, con elevadas taxas de desemprego e de emigración; cos índices de natalidade máis baixos dos historicamente coñecidos e coas porcentaxes de envellecemento poboacional máis elevadas da historia, cabe facernos unha pergunta: Que ofrece á Galiza Feijóo e o seu goberno?

Pois a receita de sempre, con doses máis elevadas: máis cortes para os que non teñen, ou para quen máis precisa; novas medidas para desenvolver unha política centrada en desfacer un sistema de atención individualizada para o converter nunha serie de respostas asistencialistas carentes do necesario sentido integrador.  E máis facilidades para os máis ricos. É o seu sentido do benestar, o seu propio e o do seu partido, en harmoniosa dependencia ambos dun modelo político no que as persoas só serven como man de obra, canto máis barata, mellor. 

Comentarios