Opinión

Dende a Casa dos Poetas á Casa das Palabras

A pasada sexta feira 19 de abril polo serán presentouse na casa natal de Manuel Curros Enríquez, agora chamada Casa dos Poetas, en Celanova, o volume Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, editado en 2010 pola AS-PG.

Entre outras moitas consideracións de interese, o seu autor, referiuse ao insobornábel compromiso da autora de Cantares gallegos coa nosa lingua, á asunción plena da nosa cultura e á reivindicación da nosa identidade.

Unha intelectual de primeira orde que, reiteradamente, leva sido manipulada, terxiversada, oculta... para banalizar a súa figura e desnaturalizar a súa obra. A cal, por certo, segue a ser abondo descoñecida mesmo por quen debería ser abandeirado dela.

"Unha intelectual de primeira orde que, reiteradamente, leva sido manipulada, terxiversada, oculta... para banalizar a súa figura e desnaturalizar a súa obra".

Na presentación subliñouse, por parte do presentador, que naquel acto se conxugaban o legado simbólico do pensamento dos dous grandes creadores do Rexurdimento, sobre quen Francisco Rodríguez leva escrito tantas páxinas.

Á vista de que as forzas conservadoras locais se apropiaron da figura de Curros, realizóuselle unha proposta ao rexidor do concello, alí presente, para que os políticos da dereita, na medida das súas capacidades, asuman e poñan en práctica o ideario de Curros: anticaciquismo, progresismo, creación de riqueza cos sectores produtivos da nosa nación, defensa dos intereses das clases populares, laicismo, republicanismo ou promoción —e non especulación con el— do patrimonio público —do que son mostra singular as dependencias do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, que acolle alumnado de toda a comarca—. Cuestións todas elas de extrema actualidade, como se pode ver.

Só unhas horas despois na Academia Galega —en cuxa fundación Curros xogou un papel fundamental— elixíase o seu novo equipo directivo, á fronte do cal está  agora Xesús Alonso Montero.

Nos estatutos desta institución explicítase que unha das súa finalidades é “velar polos dereitos do idioma galego”. Neste tempo de desprotección extrema cos nosos sinais de identidade, coa nosa cultura e a nosa lingua, por parte do poder político que representa a dereita actual, o labor firme e irrenunciábel desta institución —e de cada un dos seus membros— é trascendente. 

"A Academia Galega debe persoarse como unha institución viva e operante acotío na sociedade".

E para iso non abonda con que se leve ata os últimos extremos o recurso contra o Decreto de Plurilingüismo da Xunta. Moi pola contra, e diante da falla absoluta de pulso institucional en compromiso coa lingua que se empezou a dignificar no Rexurdimento, a Academia Galega debe persoarse como unha institución viva e operante acotío na sociedade.

Neste tempo resulta moito máis operante que os esforzos se centren, máis que en planificar o corpus, en dignificar o estatus. Ou o que é o mesmo ca dicir que boa parte das principais tarefas por acometer deben ir encamiñadas a visibilizar socialmente, botando man de todos os medios dispoñíbeis —e esixinido máis—, o feito de termos unha lingua que, a máis de ser propia é moderna, é universal. Que o seu coñecemento, a máis de supor unha vantaxe en termos de capacidade intelectual, abre as portas ao mundo.


O camiño emprendido por Rosalía, antes coma agora, nunca estivo exento de continuas pexas interpostas —“A musa dos pobos/que vin pasar eu,/comesta dos lobos,/comesta se veu...”—. Mais o autor d’O divino sainete tiña ben claro de onde proviña a luz do horizonte: “¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!/¡Ai, dos que levan no bico un cantar!”.

"Unha liña de acción ten que vercoa supresión, na denominación da institución que ten sede na coruñesa rúa Tabernas, da folla de lata do seu adxectivo inicial"

Por iso que resulta prioritario asemade que, dunha vez por todas, nesta nova etapa que se inicia agora no seo da Academia da Lingua se abra unha nova liña de acción que teña como cometido esborrallar sacrosantas normas que nos foron impostas e que contaminan o ambiente con fedor rancio de alcanfor.
Unha delas é a relativa á reclamación do estatutario deber de coñecemento do galego por parte dos cidadáns que viven en Galiza. Outra ten que ver coa supresión, na denominación da institución que ten sede na coruñesa rúa Tabernas, da folla de lata do seu adxectivo inicial —en coincidencia coa presentación do manifesto Galiza pola República, que todos debemos asumir e divulgar:  http://www.bng-galiza.org/blog/2013/04/12/galiza-pola-republica/—.

Estas son boas mostras de exemplos relacionados cunhas palabras que se invocaron no transcurso do acto aludido ao comezo e que se citan a seguir. Foran ditas por quen era un alumno seu a principios dos anos setenta, e están recollidas no volume colectivo Voz da terra, arela de pobo, editado, en 2009, pola Asociación Cultural e Xuvenil de Ramirás: “Moitos aprendemos de Paco (Francisco Rodríguez) que a Galicia non chegaba con valorala e querela, que era moito; tamén tiñamos que pelexar por ela”.

Comentarios