Opinión

Defender o xeito, defender o país

Galiza continúa a ser unha potencia pesqueira mundial. O 10% do emprego neste sector no conxunto da UE é galego.

Galiza continúa a ser unha potencia pesqueira mundial. O 10% do emprego neste sector no conxunto da UE é galego. Mais a nosa frota ten un problema: non ten un Estado detrás que a defenda, e cando dicimos Estado referímonos tamén ao goberno galego, que aquí é un apéndice da administración española.

A pesca é estratéxica para Galiza e marxinal para o Estado español. Daí decorren boa parte dos problemas da nosa frota. Como non temos Estado que nos defenda, a pesca galega é unha perfecta descoñecida para a Unión Europea. Aliás, a UE non está para servir os intereses da Galiza, senón para atender os requirimentos dos poderosos lobbystas da grande pesca industrial. A pesca de baixura galega xoga entón en inferioridade de condicións.

De acordo coa información recabada pola "delegación do xeito" que visitou días atrás o Parlamento europeo a convite do BNG, Madrid comunicou á Comisión que só 25 barcos constituían a frota galega que vai ao xeito -arte de pesca tradicional-. En realidade, son 426. De se confirmar esta información, que até hoxe non foi desmentida polo Goberno español, estariamos ante un feito gravísimo. Non podemos pensar que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cometese un erro tan de vulto -en todo caso, non sabemos que se producise ningún cesamento por tal fallo-, así que debemos concluír que a Administración española quixo minimizar ante a UE o dano que a prohibición do xeito iría inflixir a Galiza. Dito isto, está claro que Madrid axiu así perante a complicidade da Xunta ou perante o seu desleixo, nas dúas hipóteses a responsabilidade tamén alcanza o goberno Feijóo.

A nosa frota ten un problema: non ten un Estado detrás que a defenda, e cando dicimos Estado referímonos tamén ao goberno galego

Mais unha vez, tivo de ser o nacionalismo galego quen asumise funcións de representación e defensa do país perante institucións públicas situadas moi lonxe de nós. Mais unha vez, confirmouse que sen a presenza directa do nacionalismo galego non está garantida a defensa dos nosos intereses. Aplaudimos aquí o traballo do BNG e, en concreto, da súa futura europarlamentar, no amparo das lexítimas demandas dos xeiteiros.

Haberá que fiscalizar agora que os compromisos adquiridos perante a delegación galega polo presidente da Comisión de Pesca, Alain Cadec, se materialicen e en xaneiro a UE deixe o xeito fóra da prohibición das redes de deriva. É de xustiza.

Comentarios