Opinión

De pianos e Sorbonas

Observar o comportamento dunha significativa parte dos deputados do Parlamento galego, sesión tras sesión, fai que a un non lle sorprenda tanto os niveis de desafección da cidadanía ante a manifesta mediocridade dunha xeración de políticos, das que todos somos responsables, sen dúbida, da súa elección.

A comparecencia do Presidente da Xunta para dar explicacións sobre a súa relación cun personaxe propio de novela negra de Ramón Palomar deu lugar a un espectáculo case circense, no que de xeito pouco apropiado polas súas carencias motrices, os pallasos eran os que pretendían dar o triplo salto mortal sen rede. Un Presidente ao ataque furibundo despois de sentirse acurralado, nunha situación que sen dúbida lle faría reflexionar sobre inxustos ataques do pasado, sempre con efecto búmerang en política. Un ataque de “clasismo inverso” intentando menosprezar ao portavoz de AGE, nunha loita intelectual desigual na que o dominio do piano e a formación afortunada na Sorbona parisina, foron inxustas armas arreboladizas impropias de alguén que representa a todos os galegos.

"A comparecencia do Presidente da Xunta para dar explicacións sobre a súa relación cun personaxe propio de novela negra de Ramón Palomar deu lugar a un espectáculo case circense"

Pola súa banda, a xa moi tocada oposición parlamentaria tentaba lanzarse ao pescozo dunha presa da que crían cheirar o seu sangue, cando en realidade a ferida que provocaba esas sensacións viña directamente das entrañas da falla de necesaria alternativa crible ás políticas reaccionarias que impoñen a Galicia o eixo Bruxelas-Madrid-San Caetano. Seguramente é unha situación da que o propio Presidente é responsable pola súa política do “todo vale” nos seus tempos de líder opositor, mais os saloucos mesiánicos do líder antisistema, engadidos ao case derrotado prócer socialista, fan que o resultado final probablemente sexa pouco máis que titulares de prensa, nalgúns casos prostituídos pola necesidade da condicionadora subvención.

Os galegos votaron libremente por unha cámara parlamentaria na que defendan os seus intereses, e para que os mesmos que presumen de coñecer a obra de Althusser baixen á realidade do sufrimento diario e deixen de pensar que o común dos mortais non chega ao seu mediocre nivel vital. Non vaia a ser que esta xeración perdida para a nosa terra, que emigra afastándose da obra política dos ineptos, deixe de pensar como en aquela canción de Tom Waits:

“Correndo polo cemiterio
ríamos os meus amigos e máis eu,
xuramos que estaríamos xuntos,
até o día que morrésemos, 
até o día que morrésemos…”

Ou non?

Comentarios