Opinión

De palabras e estrelas

As estrelas, como as palabras, son intanxíbeis. A súa forza provén dunha distancia que só podemos medir en anos luz. Magnitude que supera a nosa capacidade vital para percibir o espazo e o tempo que nos separa. Sen embargo, durante milenios guiaron mariñeiros, inspiraron poemas e pecharon con sentido teolóxico o noso universo. As palabras, como as estrelas, tamén viaxan. Chea de palabras, sentei nunha tarde de sábado.

As estrelas, como as palabras, son intanxíbeis. A súa forza provén dunha distancia que só podemos medir en anos luz. Magnitude que supera a nosa capacidade vital para percibir o espazo e o tempo que nos separa. Sen embargo, durante milenios guiaron mariñeiros, inspiraron poemas e pecharon con sentido teolóxico o noso universo. As palabras, como as estrelas, tamén viaxan.

Chea de palabras, sentei nunha tarde de sábado. Coa ría de Vigo ao fondo lin “Cando nacen as estrelas”. Este pequeno texto, conmemorativo da Homenaxe Nacional a Agustín Fernández Paz, foi o agasallo perfecto para un día extenuante en palabras e quilómetros. Agustín ensinounos tantas cousas, e de tal profundidade ética, que unha homenaxe cidadá é a mínima recompensa para facer certo o tradicional refrán sobre os ben nacidos.

Vivimos un tempo no que as medallas cotizan á baixa, onde o nome de Castelao invócase para baleirar o seu legado político e cultural. A chamada Consellaría de Cultura rescata con cartos públicos á pufera Fundación Cela mentres asfixia á Fundación Rosalía ou pecha a Fundación Preescolar na Casa. Claramente, vivimos no tempo das contradicións. Coa Cidade da Cultura copiando de internet o seu plan ou buscando nas exposicións millonarias a súa salvación, convive o esmorecendo da programación cultural das cidades. Festivais folk sen música galega ou concelleiros de cultura preguntándose que é iso do “conceptiño” de cultura galega. Todo un sin sentido institucional de quen ten por obriga promocionar a nosa cultura. Unha parte da política galega está demasiado preocupada en modernizarse, en quitarse ese chisco de lama do zapato que aínda pode delatar unha orixe negada. Preocupada en buscar o discurso perfecto para o beneplácito de Madrid, no que poderíamos denominar o novo xénero literario imposto por Feijóo desde o inicio da presente lexislatura. Moi moderno isto, por certo!

Nesta segunda década do terceiro milenio a falta de xenerosidade e o logro persoal inmediato, ditan o modelo das accións imperantes. Tentan darlle unha capa de verniz económico, mais baixo o termo crise agochase o darwinismo social que nos corroe. “Sálvese quen mellor minta ou quen menos valores teña” pregoan os profetas da nova orde. Eis o desprazamento cultural que se nos propón.

Canta valentía necesitamos para contrarestar esta situación?, Cantas palabras necesitamos para dinamitar as coordenadas de control e dominación? Non o sei. Mais quero compartir cos lectores e lectoras a conclusión dun texto que Agustín lía, tamén na ría, nunha tarde de 2009 : ”Porque as palabras, non o esquezamos, conteñen na súa cerna a forza necesaria para cambiar a vida e para cambiar o mundo”.

Con esa forza ficamos e só podemos repetir con Xabier DoCampo “Contigo, Agustín, somos nación”.

Comentarios