Opinión

De Galescolas a galiñas sen plumas

Remata agosto. Entre o abafante calor e as agardadas choivas, Feijóo viaxa a Madrid para recibir instrucións sobre as eleccións galegas. Na maleta leva a súa xestión. Non tivo problemas no voo de baixo custe co peso da mesma, incluso unha amábel traballadora lembroulle que o billete incluía dez quilos gratis. O presidente aduciu na súa defensa que lle gustaba viaxar moi lixeiro de equipaxe.

Remata agosto. Entre o abafante calor e as agardadas choivas, Feijóo viaxa a Madrid para recibir instrucións sobre as eleccións galegas. Na maleta leva a súa xestión. Non tivo problemas no voo de baixo custe co peso da mesma, incluso unha amábel traballadora lembroulle que o billete incluía dez quilos gratis. O presidente aduciu na súa defensa que lle gustaba viaxar moi lixeiro de equipaxe.

Rajoy ten dúbidas por onde comezar. Ante a indecisión estival deciden que o primeiro sexa o concurso eólico. A ver se o vento fai mover as ideas.

-“Postos de traballo?”

-”Prometidos 14.000”

-”Xa, digo reais”

-”Pois, tendo presente o Real-Decreto 1/2012... e o tempo que supuxo a paralización do inefábel concurso do bipartitio... ese xa sabes o que anulamos dicindo que era ilegal e que agora no peor momento caen todas as sentenzas que nos quitan a razón... mira que a xustiza é lenta... ben podería agardar uns meses...”

“Xa che dicía eu que se algo funciona non o toques... postos de traballo?”

“Perdidos 4.000 no sector. O Índice de Produción Industrial polo chan e o paro subindo máis que a media do estado, non sei se este é un bo tema...”

“Será mellor mudar. Podemos comezar polo sistema financeiro. Os galegos e galegas son moi aforradores. Xente traballadora que confiou nas súas caixas.”

O silencio chega a rúa Génova, as preferentes fan a súa aparición en forma de lóstrego mortal. Comeza a estenderse un suor frío pola sala e os interlocutores deciden que mellor nin falar. Se cadra, poderíase poñer en valor os trescentos visitantes diarios da Cidade da Cultura afirma un. O outro retrunca pensando que son máis os clientes do bar da esquina onde toma o pincho de tortilla diario. Comezan a repasar a sanidade galega agardando algún resultado. Feijóo repara no grande fracaso do hospital de Vigo, coas obras paralizadas, a cidadanía trasladándose a Pontevedra para se operar e sinte nostalxia do pincho de tortilla.

De súpeto unha luz ilumina a sala. Como se lles podían esquecer as Galescolas. Ese inverosímil proxecto nacionalista de que os galegos e galegas presumiran de escolas para os máis cativos. Até lle fixeran un logo cunha escola sorrindo e unha bandeira galega. Unha bandeira pequena, mais galega. “Hai que ser rancios!” comenta alguén descoñecido que se unira ao debate. Agora que Galiza xa conseguiu eliminar o programa educativo destas escolas, o plan de formación do seu persoal, abrir a porta ao negocio privatizando varias e reducir o seu persoas ao mínimo consideran que acadaron os obxectivos.

-”Quen di que non cumprimos?”, “Como dis que se chaman agora?”

-“Galiñas azuis”

- “Vaia, tiñas que manterlle a cor da bandeira, aínda poden semellar demasiado galegas. Quítalle as plumas para que queden só en galiñas.”

-“Galiñas sen plumas... poden que a xente non pase por isto.”

- “Si home si, agarda que veña Merkel e xa verás cantas plumas nos quedarán a nós.”

Comentarios