Opinión

De estruturas

Faise especialmente interesante o artigo de Carlos Calvo ao respecto da mobilidade das presas e presos políticos. Polo menos a min así mo parece. Seguramente porque descoñezo practicamente todo da situación, pois, á marxe do que se pode ver nalgúns filmes , a verdade pouco sei.

Faise especialmente interesante o artigo de Carlos Calvo ao respecto da mobilidade das presas e presos políticos. Polo menos a min así mo parece. Seguramente porque descoñezo practicamente todo da situación, pois, á marxe do que se pode ver nalgúns filmes , a verdade pouco sei. Leva razón cando afirma que existe unha idea común sobre a soidade cotiá da cela que ten moito de romántico e, certamente, dado o que explica, ben pouco de real. Resulta máis doado imaxinar o lene fluír das horas no interior dese receptáculo frío onde a persoa recluída pode observar cada recuncho, até aprender a memoria das paredes, que pensar no desprazamento constante cuxo obxectivo, como indica Carlos Calvo, é erosionar a identidade. “Como um estudante Erasmus adicto aos voos low-cost, os presos estám submetidos ao imperativo da mobilidade. Sobretodo nos últimos anos, as estratégias de erosom do preso passam cada vez mais pola mobilizaçom contínua”. Así é que se moven. Constantemente. Dun lugar a outro. El propio mudou, en menos de dous meses, varias veces de “estancia”. Pasou entón “por duas celas em Soto del Real, quatro em Aranjuez, umha em Valdemoro, e duas em Topas (este último troco, voluntário, ao melhorar bastante as condiçons da cela).” Curioso. A odisea de Carlos Calvo, dunha cárcere a outra, ten moito de postmoderno. Abofé que si. Ese ir e vir do que nos fala no artigo vén sendo, salvando as distancias, o desta histérica postmodernidade ansiosa que corre cada día na procura de algo con que calmar o medo e saciar a cobiza. Está claro que este fluír nihilista evita a construción de vínculos estábeis. Non imos cara as persoas. Corremos contra elas e chocamos porque chocan os intereses. A lealdade é un valor inestimábel que fornece a autoestima, xera lazos que constitúen a base de calquera estrutura firme. Supoño que os ideólogos, ou ideólogas, deste nomadismo carcerario, tomaron boa nota do acontecer das grandes cidades e comprenderon que separar axuda a distraer a atención, a desunir, e, consecuentemente, a desestruturar a devandita identidade. Tendo conta disto, debo dicir que máis que o carácter informativo do artigo de Carlos, interesoume a súa análise. “Trata-se, enfim da mesma obrigaçom de circulaçom contínua que o capitalismo impom na sociedade, a umha velocidade tal que os laços, os símbolos, os abraços, as solidariedades, os significados e o arreigo, se fam impossíveis.” Concordo plenamente con esta visión. Somos escravas e presos dun individualismo atroz.

Comentarios