Opinión

De credos varios

A cartografía da experiencia persoal vaise deseñando coa suma de observacións, encontros, descubertas, tactos, soños, perdas, sorpresas, desenganos, esperanzas abandonadas, palabras quebradas, diálogos enriquecedores, monólogos cuestionadores, silencios prudentes...

A memoria dunha ben cumprida corentena e a teimudez que apremia a visitar a información de cada xornada afíncannos na idea de estarmos rodeados de titulares de hipocrisía, falacia e mentira, en que os aprendices mesiánicos perden fol, ao tempo que tentan que o seu rosario de doas hipócritas nos abafe para nos chuchar o osíxeno e o alento dos principios até o cansazo, a renuncia, o abandono ou a muda. E aquí lembramos, sen renunciarmos ao sorriso, aquelas palabras do Groucho Marx: Estes son os meus principios, se non gosta deles teño outros. Será por virachaquetas ou expertos no xogo dialéctico confusionista?

"Para cando unha rolda de prensa da Conferencia episcopal que clame  publicamente (e tamén ao ceo, si!) en defensa das desigualdades e inxustizas sociais?"

O titular De credos varios anunciaba estas palabras que nos revolven entre a imposibilidade de crer (inspiración relixiosa) ou acreditar (aspiración laica) en certos sectories sociais. E velaí que chegamos a onde precisabamos.

O meu descrédito procede hoxe da curia eclesiástica, aquela que en apelando á doutrina católica, ás palabras do Evanxeo e en tomando o nome de Deus (en van?), permítese agocharse no silencio en momentos de auténtica emerxencia social que afecta, por certo, a moitos dos seus fregreses.

Pregúntome entón: para cando unha rolda de prensa da Conferencia episcopal que clame  publicamente (e tamén ao ceo, si!) en defensa das desigualdades e inxustizas sociais?

Para cando unha declaración que condene e renegue do seu posado con banqueiros doentes de usura e políticos deshonestos, cobizosos, sen corazón nin alma para presentir a dor do próximo, verdadeiros parasitos incapaces de traballar e defender a res publica ao tempo que sambesugas retroalimentadores de autosatisfacción? 

Para cando unha condena pública que axude a sensibilizar a sociedade ante a desigualdade de xénero, a violencia machista física e psicolóxica e os brutais asasinatos de mulleres a mans de executores maridos (casadas como Deus manda!) e parellas ou exparellas? 

Para cando a defensa da vida da muller, da esixencia do dereito á súa saúde física e mental e da necesaria protección perante unha experiencia tan delicada como é a de se enfrontar á sempre difícil decisión de abortar?

A alta xerarquía relixiosa católica actual semella ler a resposta retroactiva no capítulo 3 versículo 16 do libro da Xénese: Con dor parirás os fillos. Cara ao teu marido irá a túa apetencia e el dominarate.

A dor debe perseguir a muller sempre, será este o seu castigo divino e humano.

A ciencia traballa e avanza para transformar o mundo. A Igrexa sempre pronta a condenar calquera avance, sempre pronta a presionar para o executar cando a sombra do seu poder se estende e instala nas cadeiras consentidoras dun goberno reaccionario.

Semella que o que de verdade molesta, non se tolera, é a capacidade de pensar, consultar, opinar e decidir da muller, quen apenas debería conformarse con desenvolver as virtudes da escoita pasiva e o acatamento activo. 

"Semella que o que de verdade molesta, non se tolera, é a capacidade de pensar, consultar, opinar e decidir da muller, quen apenas debería conformarse con desenvolver as virtudes da escoita pasiva e o acatamento activo". 

Resulta imposíbel acreditar no credo de oficio dos sacrosantos exércitos-púrpura, así que me refuxiarei en moitas outras palabras coherentemente solidarias e respectuosas. 

Por esta volta remato coas do escritor Lois Pereiro, quen este 24 de maio tería cumprido 55 anos: 

Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo... e nada máis. 

Mente aberta ao mundo … e nada máis!

Comentarios