Opinión

De Circe a Penélope

  Remato de ler Circe ou o pracer do azul e aínda aboian na miña mente a delicadeza dunha exquisita linguaxe entrelazada por volta de emocións e sentimentos pouco explorados aínda na literatura galega.

Remato de ler Circe ou o pracer do azul e aínda aboian na miña mente a delicadeza dunha exquisita linguaxe entrelazada por volta de emocións e sentimentos pouco explorados aínda na literatura galega. 

Remato de ler as trescentas nove páxinas desta ópera prima, asinadas pola escritora Begoña Caamaño, coa mágoa que produce chegar á fin dunha obra magna e coa saudade de voltar ao comezo máis unha vez para a redescubrir. As grandes obras da literatura universal medran nas reiteradas lecturas que nelas facemos porque sabemos que unha nova descuberta agarda sempre por nós. 

"Cómpre sermos, estarmos e atendérmonos como pobo para contruírmos entre todos e todas, non unha illa, senón todo un continente Eea, capaz de asumir o respecto polas mulleres"

Cómpre volvermos a Circe e a Penélope para reencontrármonos nos tabús do presente, nos silencios protocolares, nas conversas de ficción fuxidía, na evasión tecida ao redor da rutina monótona, nos desenganos dolorosos camuflados de aparente normalidade, nos mundos de amizades prohibidas, no corpo de muller cobizado intereseiramente e no desprezo da súa intelixencia por parte do home omnipotente. Cómpre quebrarmos as voces únicas omnímodas e canónicas até convertérmolas en rouquemia permanente. Cómpre falarmos de sororidade resistente e de mundos vividos e expresados no íntimo feminino que neutralicen as historias contadas en público só por outros. Cómpre escoitármonos nas palabras compañeiras construtoras dun equilibrio igualitario de vivencias individuais e colectivas. 

Cómpre sermos, estarmos e atendérmonos como pobo para contruírmos entre todos e todas, non unha illa, senón todo un continente Eea, capaz de asumir o respecto polas mulleres en valores sumativos de respecto e igualdade.

A ti debo que eu, fecundo en aventuras e ansioso de travesías, me internase por primeira vez nos misterios do universo feminino. Circe, amiga, amada (…) non sería eu merecedor da sona de posuír unha mente esperta e lizgaira se o teu amor non me servise para aprender que as mulleres, mesmo as que non amamos, son moito máis que as responsábeis de perpetuaren as nosas estirpes e o obxecto mediante o cal selamos os homes novas alianzas.

Así se expresa Ulises nos preámbulos do seu derradeiro encontro carnal coa amada maga Circe antes de partir definitivamente a Ítaca.

"O sangue menstrual repudiado en moitas culturas e silenciado en case todas, realidade biolóxica do corpo da muller destronada á máis estrita intimidade silente, cede o paso ao público sangue mortal provocado por quen decide cando, como e onde pór fin á vida da muller-compañeira"

Ao longo da lectura descubrimos un Ulises capaz de se transformar desde a aparencia dun  insensíbel e embrutecido posuidor do corpo recén estreado da moza e inocente Penélope na súa noite de vodas até o afectuoso amante considerado e entregado aos engados brincadores do corpo de Circe nunha relación de pracer mutuo.

Con ambos Ulises convivimos, mais os primeiros teiman en se encheren da definitiva gloria arrasando o noso corpo e degolando a nosa conciencia en titulares de prensa dramáticos salpicados de sangue de muller. O sangue menstrual repudiado en moitas culturas e silenciado en case todas, realidade biolóxica do corpo da muller destronada á máis estrita intimidade silente, cede o paso ao público sangue mortal provocado por quen decide cando, como e onde pór fin á vida da muller-compañeira.

Homes que supostamente, malia a evidencia de feitos e declaracións, maltratan até lles negaren ás súas compañeiras definitivamente o dereito á vida porque nunca nada é suficiente para acalmar a sede patriarcal do poder supremo.

Era inmigrante e xa se sabe que aló teñen outros costumes, outra cultura... Eran unha parella normal, nada podía facer prever este fatal desenlace... As novas formas de emparellamento xa se sabe a onde conducen... Non hai xustificación posíbel para ningún asasinato e para o dunha muller no seo do ámbito da familia tampouco!

Hoxe vólvese falar en clave necrolóxica de homes traidores e de mulleres traizoadas. Hoxé lembramos a cifra de catorce mulleres asasinadas a mans de catorce asasinos no Estado español en pouco máis de tres meses transcorridos desde comezos de ano. Hoxe erguemos a nosa voz denunciadora conscientes de milleiros de humillacións e aldraxes, verbais e físicas, vividas no cruelmente devorador espazo da casa, que anónimos corpos de muller agochan nas cicatrices da alma. Hoxe reivindicamos a palabra de Circe e recollémola para ti, home-compañeiro de vida:


Non fagas nunca que me avergoñe por te amar como te amo.

Comentarios