Opinión

Da Lei de Xuventude, Inoperancia e Desgoberno

Logo da aprobación da Lei de Familia, do desmantelamento de servizos sociais fundamentais para a xente moza como os Centros de Asesoramento Afectivo – Sexual Quérote ou o NoiteBús; así como, da redución do investimento en ensino público e investigación; o goberno de Núñez Feijóo vén de presentar o anteproxecto de Lei de Xuventude coa que, segundo o propio texto, pretenden cumprir unha débeda coa

Logo da aprobación da Lei de Familia, do desmantelamento de servizos sociais fundamentais para a xente moza como os Centros de Asesoramento Afectivo – Sexual Quérote ou o NoiteBús; así como, da redución do investimento en ensino público e investigación; o goberno de Núñez Feijóo vén de presentar o anteproxecto de Lei de Xuventude coa que, segundo o propio texto, pretenden cumprir unha débeda coa mocidade galega.

Tan só botándolle unha primeira ollada á proposta, fica claro que a Xunta de Galiza e o Partido Popular, non só amosan un profundo desleixo cara a mocidade galega, senón que ignoran (mal)intencionadamente, a realidade actual que estamos a vivir as mozas e mozos do País.

Cun paro xuvenil que a piques está de ultrapasar o 40% nas faixas de idade inferiores aos trinta anos (máis de 72.000 mozas e mozos desempregad@s) e perante unha realidade laboral inda máis crítica e desfavorábel dende a aprobación da Reforma Laboral –lembremos, tan apoiada e loubada dende o goberno de Galiza; o proxecto de Lei de Xuventude supón unha ferramenta inútil para combater tales adversidades. Pola contra, os case cincuenta folios que compoñen o anteproxecto de lei, configuran un texto baleiro de contido tanto na análise da realidade xuvenil actual, coma nas estratexias de acción que presume desenvolver.

Non é só que de maneira simplista, a proposta constitúa unha mera declaración de intencións a longo prazo; senón que carece dun verdadeiro plan de acción que combata os problemas reais que estamos a padecer as mozas e mozo do País: o desemprego, a precariedade laboral, a incapacidade para emancipármonos ou para conseguirmos unha vivenda digna.

Máis unha vez o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza dálle as costas á mocidade galega cunha proposta de lei que tan só procura ocultar a súa incompetencia e inacción en materia de política xuvenil, no decorrer destes tres anos de lexislatura. Dende a súa chegada a San Caetano, o goberno de Núñez Feijóo non fixo máis que desenvolver políticas contrarias aos intereses da mocidade galega, eliminando, nalgúns casos, e reducindo noutros, os servizos fundamentais para a xente moza. Ao mesmo tempo, ignora acotío o aumento exponencial da migración xuvenil en Galiza verbo da falla de expectativas laborais na propia terra. Tal é así que o pasado mes de febreiro o Partido Popular rexeitaba no Parlamento de Galiza, unha proposta do grupo parlamentar do BNG encamiñada á creación dun Plan de Emprego Xuvenil.

Perante esta realidade, lembro as verbas de Quintín Cabrera, cando dicía: Que vida más diferente, la mía y la suya, Señor Presidente.

Fan falla máis que brindes ao sol para mudar a realidade que estamos a padecer a mocidade galega –equiparábel á doutros moitos territorios-, porén, o máis importante é comezar por non darlle as costas ás problemáticas reais, crendo –como ben reflicte a norma, que actividades de lecer e tempo libre ou mesmo cincuenta folios cargados de expectativas de futuro longopracistas, servirán para ocultar unha grave crise social cargada de incertidume, precariedade, desemprego e migración.

Comentarios