Opinión

Da denuncia á acción

En Galiza saír hoxe a rúa co activismo por bandeira é unha necesidade para manter algo dun país que se vende ou regala por parcelas.

Sobran as razóns para rebelarnos. Xa ninguén dubida que isto é un roubo, programado nunha guerra mundial sen tregua, para conseguir outra xeopolítica planetaria. O enfado e a crispación inundan a vida cotiá dunha cidadanía atónita. Isto non é como o venderon fai ben pouco tempo as fábricas de opinión. A mocidade, que viviu sen coñecer o amargo sabor da frustración, enfróntase a un futuro que nunca pensou. 

Neste contexto, un 1º de maio perde o carácter festivo e obríganos a retomar o termo clásico do activismo. Esquecéramos que a clase traballadora chegou a certo nivel de benestar a través de folgas e conflitos? Semella que só ficará nas páxinas da historia menos contada. Poucos mozos e mozas estudan os acontecementos que levaron a sinalar esta data no calendario, sempre é máis interesante un repaso cronolóxico polas monarquías europeas.

"En Galiza saír hoxe a rúa co activismo por bandeira é unha necesidade para manter algo dun país que se vende ou regala por parcelas".

En Galiza saír hoxe a rúa co activismo por bandeira é unha necesidade para manter algo dun país que se vende ou regala por parcelas. Feijóo presume de que os mexicanos mercan asteleiros, Pescanova vai camiño de trocearse, empresas como Unísono levan a plantilla para Madrid, como se o do telemarketing necesitara tamén centralizarse, e das caixas galegas xa só fica o réquiem.

Por todo isto percorrín as rúas de Vigo de novo. Desta volta a maior preocupación que levaba comigo non era a denuncia dunha situación social insostíbel, senón as propostas para mudar esta situación. Como trasladarmos á xente as alternativas para crear emprego? As propostas para unha Banca Pública? Para o control público da enerxía? Para defender Galiza desde a Soberanía?... Que significa hoxe benestar?

Esta guerra levouse por diante a noción do público como un ben común. Só o dereito á propiedade privada mantense como o inalterábel dereito de primeira xeración, todos os demais van caendo un a un a golpe de Reais-Decretos e modificacións orzamentarias. Por iso neste 1º de maio transcendental para Galiza pregúntome se aínda, cos restos do naufraxio a flote, podemos compoñer outra sociedade. Eu creo que si, mais o futuro non virá dunha recreación mimética do pasado -por épico que nos semella mentres entoamos os cánticos que nos acompañan- ou das solucións doutras sociedades e pobos. 

"Non podemos evadirnos da nosa responsabilidade como pobo para dar solucións concretas aos problemas concretos nun país cheo de contradiccións, nun país asediado e expoliado".

O futuro máis que nunca o xogamos aquí e agora na Galiza que temos. Non podemos evadirnos da nosa responsabilidade como pobo para dar solucións concretas aos problemas concretos nun país cheo de contradiccións, nun país asediado e expoliado. Nun país que é o noso.  Non desboto o pensamento para entender e comprender o que nos pasa, todo o contrario, necesitamos categorías novas para o futuro por construír; mais rememorando a Marx no ronsel do 1º de maio creo que temos a obriga de mudar isto, na rúa e nas institucións.

Comentarios