Opinión

Crónica de Sociedade: A Infanta Cristina non sabía nada, mais non parece unha persoa tonta

Esta é unha crónica de sociedade que podía publicarse perfectamente en calquera revista do corazón ou no suplemento dominical dalgún xornal que fale de reis, princesas, príncipes e infantas. Podería ser tamén a crónica anticipada da República que vén.O Instituto Nóos de Estudios Estratégicos de Patrocinio y Mecenazgo foi creado en 1999 con pouco máis de 100.

Esta é unha crónica de sociedade que podía publicarse perfectamente en calquera revista do corazón ou no suplemento dominical dalgún xornal que fale de reis, princesas, príncipes e infantas. Podería ser tamén a crónica anticipada da República que vén.

O Instituto Nóos de Estudios Estratégicos de Patrocinio y Mecenazgo foi creado en 1999 con pouco máis de 100.000 pesetas de capital social. Presentado como unha especie de ONG dedicada a proxectos sociais e sen ánimo de lucro; alguén a rebautizou xa como “sinónimo de lucro”.

Iñaki Urdangarín, duque de Palma, e o seu socio, Diego Torres, están imputados na peza separada número 25 do caso “Palma Arena” (ten como principal acusado a Jaume Matas, expresidente do Goberno Balear) pola utilización de Nóos para desviar fondos públicos e apoderarse deles a través dunha trama ou conxunto de empresas que controlaban. Iníciase a investigación cando a Fiscalía Anticorrupción seguía a pista de 2,3 millóns de euros co que o Executivo Balear financiou a Nóos.

A infanta Cristina participaba nas empresas de Urdangarín, era vocal do Instituto Nóos e propietaria do 50% de Aizoon, que entre 2004 e 2005 recibiu 748.000 euros de Nóos, beneficiándose das actuacións ilegais da trama.

A infanta foi Secretaria de Aizoon até o 30 de xuño de 2011, que a Xunta Xeral ordinaria desa sociedade elixe á filla do rei como Presidenta. Urdangarín, que era administrador único e presidente, é nomeado secretario. O documento que daba conta destes cambios foi presentado o 25 de maio de 2012 no Rexistro Mercantil de Barcelona. Esta elección de Cristina como Presidenta coincidía no tempo co inicio da investigación -daquela era secreta- por parte de Anticorrupción e do xuíz Xosé Castro. Pretendíase con este nomeamento defender a actividade de Aizoon, utilizando a figura da filla do rei?

Cristina firmaba as contas que se presentaban no rexistro mercantil. Cargaba os seus gastos persoais a nome de Aizoon (sobre 3.000 euros ao mes). Aparecía o seu nome nos folletos do Instituto e participou en eventos onde se concedían subvencións a entidades agora investigadas. Tiña coñecemento da contratación fraudulenta do servizo doméstico da súa residencia familiar a nome de Aizoon.

Segundo a Unidade de Delitos Económicos da policía, a infanta recibiu nunha conta ao seu nome 12.671 euros, procedentes de Nóos Consultoría. Noutra conta, a nome de Cristina e Udangarín, foron ingresados 34.565 euros que tamén poderían proceder desa fundación.

Iñaki e Cristina vivían nunha casa que mercaron por 8 millóns de euros. Para evitar que a infanta fose imputada, a defensa alegaba que non sabía nada dos negocios do seu marido (a pesar de que o secretario persoal das infantas Elena e Cristina, Carlos García Revenga, era quen controlaba o diñeiro da fundación de Urdangarín) e que descoñecía a procedencia do diñeiro co que vivía tan ben.

Despois de coñecer todos estes datos, a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Palma de Mallorca consideraba en xullo de 2012 que as probas eran “insuficientes” e rexeitaba chamar a declarar á infanta Cristina con estes argumentos: sería unha manobra “grandilocuente”, “cuando no demagógica”, “facilita morbosa publicidad”, etc.

O xuíz instrutor, José Castro, tamén rexeitara en marzo de 2012 esta comparecencia da filla do rei porque sería “estigmatizarla”, sen que houbese “indicios objetivos de criminalidad en su contra”. Consideraba o xuíz que a participación de Cristina era soamente a “nivel societario”. Con estas manifestacións parece evidente que Cristina non é chamada a declarar, nin está encausada, de momento, porque é a filla do rei e porque a xustiza non é igual para todos.

O avogado de Diego Torres, presentaba o 2 de abril de 2012 un escrito ante o Xulgado no que parecía insinuar que o xuíz daba un trato de favor a Cristina de Borbón. Seguindo os mesmos criterios que os utilizados coa infanta, pedía que non fose imputada Ana María Teijeiro, esposa de Diego Torres. Ao mesmo tempo o avogado aproveitaba para lembrar que quen realmente controlaba Nóos era o sector relacionado con Urdangarín xa que tiña tres dos cinco membros do Consello: os dous duques e Carlos García Revenda, que tampouco está imputado.

Nesta campaña mediática para salvar de responsabilidades á infanta, é dicir, á familia real, houbo algunha excepción. O maxistrado do Tribunal Supremo José Ramón Soriano manifestaba nunha entrevista: “El Rey ha dicho que la Justicia es igual para todos y si hay que meter en la cárcel a Urdangarín pues se le mete”. Sobre se a infanta Cristina debía declarar, dicía: “Pues habría que citarla. Si yo fuera el responsable de esa instrucción, lo haría. Si formaba parte de unas sociedades, algo sabe. Parece que la mayor responsabilidad es la del marido, pero él arrastró a la compañera, que no parece una persona tonta”. (La Opinión, 5-2-2012).

Todo está controlado. Cristina non será citada para declarar, Urdangarín non irá ó cárcere e todo se amañará con cartos. Telefónica quere axudar a Urdangarín -din que é presidente da Comisión de Asuntos Públicos en Latinoamércia e Estados Unidos desa empresa- e decidiu subirlle o salario anual de 600.000 a 1,5 millóns de euros.

Despois do episodio da caza de elefantes en África, o rei Juan Carlos tiña que recuperar a súa deteriorada imaxe e por iso aparecía en Alxeciras preocupándose polos traballadores que non poden pescar en Xibraltar. Continúa a promoción mediática do príncipe para súa coroación como Felipe VI e o rei segue “currando” cunha cargada “axenda de traballo”; por iso, coincidindo coas olimpíadas, aparecía en Mallorca ceando con Rafael Nadal. 

Comentarios