Opinión

O crepúsculo do bipartidismo e o papel da Galiza

Hai un consenso moi estendido de que o debate de política xeral que acabamos de vivir no Congreso é o derradeiro do bipartidismo.

Hai un consenso moi estendido de que o debate de política xeral que acabamos de vivir no Congreso é o derradeiro do bipartidismo. Os indicios demoscópicos son abrumadores nese sentido e todo o mundo dá por amortizada a emerxencia de forzas políticas que modificarán de vez o teatro político no estado.

A cuestión central para nós como galegas e galegos é se o desaparecemento do bipartidismo e a súa eventual transformación nun tripartidismo ou nun tetrapartidismo coadxuvará ou non á resolución dos nosos problemas. Dito doutro xeito: a Galiza como país iríalle mellor se no debate 2016 tomasen a palabra, ao fronte de grupos parlamentares poderosos, os señores Pablo Iglesias e Albert Rivera?

Esa pergunta só pode ter unha resposta negativa. A emerxencia de novas forzas políticas non é que desespañolice o cenario, é que reforza o que poderíamos chamar espazo español de decisión. Ciudadanos é en orixe unha forza política anti-nacionalista e se ben é certo que Podemos asume o carácter plurinacional do Estado, o seu líder reivindica a palabra patria (española) e o seu discurso é inequivocamente soberanista...mais soberanista español!!!

A emerxencia de novas forzas políticas non é que desespañolice o cenario, é que reforza o que poderíamos chamar espazo español de decisión

Este Debate de Política Xeral 2015 foi, nese sentido, moi instrutivo. Permitiunos visualizar, máis unha vez, que se Galiza aparece como obxecto de discusión é grazas á presenza de parlamentares nacionalistas galegas na Cámara. Exclusivamente grazas a iso. Haberá quen diga que tamén Rajoy é galego e que até fixo referencia ao noso país. Verdade. Mais as súas alusións foron rutineiras, en algún extremo falsarias -cando se referiu aos contratos de Pémex- e, aínda por enriba, con aberto desprezo da toponimia galega, que é tanto como desprezar unha lei do Parlamento galego.

Declina o bipartidismo español, certo, mais iso por si mesmo non mellorará a situación do noso país. O que nós precisamos como sociedade é falarmos con voz propia, sen intermediarios, pondo de manifesto que a soberanía que reclamamos é a soberanía da nación galega, non a da patria española.

Comentarios