Opinión

Contra toda "esperanza", amo Cuba

“Carromero non é un delincuente segundo a lexislación española”. Volve á carga a máis rancia dereita españolista, con Esperanza Aguirre como portavoz. E faino esta vez contra a “tiranía cubana que oprime a todo un pobo”.

“Carromero non é un delincuente segundo a lexislación española”. Volve á carga a máis rancia dereita españolista, con Esperanza Aguirre como portavoz. E faino esta vez contra a “tiranía cubana que oprime a todo un pobo”. Demos, se eu fora cubano, tremería de ver como unha señora coa ideoloxía que ten Esperanza Aguirre se erixe na miña defensora!

Para a dereita española, Cuba ten un goberno ditatorial, represor, que leva empobrecendo ao pobo cubano desde hai 54 anos. É unha mensaxe que vai calando na opinión pública, e así é fácil escoitar a un turistiña español acabado de chegar da illa, despois dunha “longa estadía de 5 días”, falar pestes do goberno cubano e da pobreza, miseria e ata fame que pasa o pobo. O mesmo turista que logo tapa os ollos cando vai a outro país para gozar das súas vacacións, e só quere ver os modernos centros comerciais, os “resorts” onde non falta de nada… e deixa de ver o que si hai realmente: poboación sen recursos, abandonada á súa sorte, e grandes clases dirixentes con todo o poder político e económico.

Podo falar de Cuba con coñecemento. Viaxei a esa illa en dezaoito ocasións e tratei con todo tipo de persoas fóra do ámbito turístico. E non serei eu quen diga que Cuba é unha democracia perfecta e modélica, porque iso non existe. Pero moito menos democrática é España e outros estados occidentais. Non penso que sexa unha democracia modelo un país onde as taxas de paro son cada día maiores, desouvindo –como sempre que convén– o texto constitucional que afirma que todos os españois teñen dereito ao traballo. Non é un modelo un estado onde en cada consello de ministros se reduce máis e máis o gasto social ao mesmo tempo que se incrementan as axudas á banca. Non é exemplo para ninguén un goberno que acaba coas axudas ao desenvolvemento, xa ridículas de por si, coa escusa da crise. Non é para admirar un estado onde os medios de comunicación, presuntamente plurais, están en mans de grandes grupos empresariais cando non directamente amordazados polo goberno do momento. Non é un modelo de organización un estado onde, salvando episodios deportivos ou campañas “anti-nacionalistas” oportunamente montadas, non hai na poboación un orgullo de “ser español”… o que me leva a pensar que quizais isto de España sexa un invento…

Pola contra, Cuba, con todos os seus defectos e condicionantes, segue tendo como piares fundamentais o ensino e a sanidade. Iso pese a crise que desde os anos 90 leva padecendo, e neste caso non por culpa dos bancos, senón por un goberno estadounidense que está esperando para volver a colonizar a illa caribeña. Un estado, o cubano, que nese escenario de bloqueo segue investindo en sanidade e logrando avances como a recente vacina terapéutica que prolonga a vida de pacientes con cáncer pulmonar. Un país que malia a súa situación económica segue exercendo a solidariedade internacional enviando mestres e médicos a todas partes do mundo. Un país que se sente orgulloso de ser cubano, e que contra vento e marea mira con dignidade ao resto do mundo.

Así que pouco valor para min ten o que diga a señora Aguirre cando di que “non recoñece xustiza ningunha na illa de Cuba”. Prefiro a xustiza cubana que a xustiza española que permite liberar a uns policías torturadores confesos a través desa medida de graza medieval chamada indulto, por non falar da “independencia” dos órganos de goberno xudiciais do estado español, cuxos membros son nomeados polo poder político, que neste caso é equivalente a dicir nomeado polo aparato de dous partidos políticos.

Un goberno, o español, que se permite dar leccións de democracia ao mundo, cando o modelo europeo-ocidental que comparte, fracasa sempre onde se quere impoñer, sexa África ou Oriente, deixando un regueiro de sangue, de desigualdades sociais, de corrupción… Un modelo democrático, o europeo, que permite que a súa política económica veña ditada pola banca. Un sistema democrático europeo que se permite o luxo de designar “dedocraticamente” a gobernantes para presuntamente salvar ao pobo da bancarrota, considerando aos cidadáns como menores de idade pola comenencia.

E poderiamos seguir. Pero trala reflexión, de verdade, síntome máis identificado cos valores cubanos que cos españois. Así que, inda “contra toda Esperanza”, eu, como moitos outros galegos e galegas de aquí e de acolá, e como canta Pablo Milanés, “amo esta isla, soy del Caribe”. 

Comentarios