Opinión

Contra o consenso

Entre os moitos locutores deportivos que non destacan pola súa bagaxe cultural poñamos que existiu un -seguramente varios, 

Entre os moitos locutores deportivos que non destacan pola súa bagaxe cultural poñamos que existiu un -seguramente varios, non hai máis que ver a TDT polas noites- que, malia facerse entrañable en ocasións, resultaba especialmente incapaz de disimular as súas torpezas, que ademais propagaban unha grave incultura futbolística, o que adoito significa unha porta aberta para a total estupidez. Este home en cuestión perdía o fío e camiñaba polo disparate varias veces por programa e retransmisión, pero pretendendo zafar do asunto como se ao outro lado non houbese espabilación ningunha intentaba saír do paso sempre coa mesma frase: “y como les veníamos diciendooooo.....”. E volvía aos tópicos. Así unha e outra vez durante anos. Ao final, ese retrouso só provocaba sorrisos entre audiencia e compañeir@s, mais el seguía acreditando no seu suposto bo facer, en que ninguén notaba nada.

Dende hai tres décadas longas, na política do estado español ocorre algo semellante. En canto os poderes sistémicos xeran unha desfeita -como é habitual- e ven en perigo o seu propio benestar -o único que semella interesarlles- acoden a unha palabra que consideran salvadora, remedio para todos os males, analxésico absoluto. É daquela cando din “consenso”, ou incluso “pacto nacional”. Tanto teñen @s millóns de desempregad@s, os altísimos índices de pobreza, a extensión da podremia cultural... seguen a pensar que coa palabra máxica e a súa representación mediática xa está todo amañado. E certo que lles funcionou. Pero xa non. A audiencia aprende, malia que aínda a traten como parva.

No modelo español, o consenso nunca supuxo unha negociación entre iguais sen cancelas, senón un artefacto publicitario axustado ás normas impostas por unha parte. Nunha se falou de consenso sobre outro sistema económico que non fose o capitalismo liberal, nunca se falou de consenso sobre o dereito de autodeterminación, nunca se falou de consenso sobre a pertenza ou non á Europa dos mercaderes. Iso significaba o caos, o radicalismo, o terrorismo e, moi posiblemente, a guerra civil. Os pactos na España formalmente democrática que fabricaron os sectores máis hábiles da ditadura -agudos, pero franquistas- estiveron sempre limitados, tiveron máis de maquillaxe que de solución. Quen quedou fóra deles e propuxo alternativas racionais e populares -o nacionalismo de esquerda, algunha esquerda estatal, a práctica totalidade dos movementos sociais, mesmo o anarquismo- foi rapidamente condenado ao illamento, á periferia, ao manicomio. Pero estamos en 2013, nunha crise terrible fabricada dende os seus consensos, e como nun conto de Chejov parece que eran @s tol@s @s que tiñan razón.

O consenso é un tótem baleiro que define á chamada Cultura da Transición e que se nega a morrer malia que o seu declive resulta evidente. Ten no bipartidismo a súa arma máis poderosa. Parte do pensamento único para crear unha realidade paralela que considera toda problemática como un froito de Satanás, negando algo tan obvio como que a sociedade progresa grazas ao conflito. Considera o pacto como un achegamento ás posicións do dominador -gústalle aludir ao mal menor- baixo pena de expulsión. O consenso sempre foi no estado español unha solución totalitaria.

Hai exemplos de pactos fracasados a moreas. O que asinaron polo emprego CCOO e UGT coa Xunta na pasada lexislatura. Ou o de PSOE e PP para incluír un teito de déficit na Constitución. Pero teiman. Nos últimos días, de novo populares e socialistas falan de resolver as urxencias mediante o vello e mentirán feitizo do “consenso nacional”, “pacto e unidade”. Para dar un xiro? Non, para decorar o desastre. No delirio, únense ao coro Toxo e Méndez nun Primeiro de Maio. Pero hai vida aí fóra. Moita.

Xa van anos que o xornalismo deportivo deixou de ser acubillo de cafres. Agora sae del algunha da mellor literatura -si, literatura- que se pode atopar nos medios. E na política tamén caen barreiras. Por fortuna, a día de hoxe quedan pouc@s dispost@s a aplaudir cando as elites intentan tapar as súas miserias cun simple “y como les veníamos diciendooooo... consenso”.

Comentarios