Opinión

Consúmase o roubo

Espolio. Roubo. Non é demagóxico recorrer a eses substantivos para cualificar o que se ten consumado esta cuarta feira 18 de decembro

Espolio. Roubo. Non é demagóxico recorrer a eses substantivos para cualificar o que se ten consumado esta cuarta feira 18 de decembro, co anuncio por parte do FROB da venda de Novagaliciabanco por apenas 1.000 millóns de euros ao banco privado venezuelano Banesco.

A perda deste instrumento financeiro é un golpe durísimo para a economía da Galiza, seguramente o máis grave que ten sufrido na súa historia contemporánea. Estamos a falar dunha entidade que reúne perto do 50 por cento do aforro acumulado durante xeracións por galegas e por galegos. A toma de decisión sobre tamaña acumulación de capital xa non se vai producir en ningún despacho galego. Será en Caracas onde se decida que facer co noso diñeiro.

A venda a Banesco é a confirmación do fracaso absoluto da política de Feijóo en materia financeira.  Lembremos aquí que o presidente da Xunta se presentou como o campión da galeguidade durante o proceso de fusión de Caixagalicia e Caixanova. A opción que se toma non é precisamente galega, nin galeguizadora. É a inserción, secundarizada, de Galiza no mercado global dos capitais. Os efectos sobre a economía produtiva do país, xa co motor moi gripado, faranse notar con seguridade nos próximos anos e de forma moi negativa.

A venda a Banesco é a confirmación do fracaso absoluto da política de Feijóo en materia financeira.

Chove, aliás, sobre mollado. A colonización do aparello produtivo galego é unha tendencia imparábel. Leyma, R, Banco Pastor, Pescanova, agora NGB...Os neoliberais argumentan que o capital non ten patria. Falso. Claro que a ten. Por iso os españois declararon Bankia sistémica, para non perder o seu control, mentres si puxeron no mercado, e a prezo de ganga, NGB.

A opción que se toma non é precisamente galega, nin galeguizadora. É a inserción, secundarizada, de Galiza no mercado global dos capitais.

É hora de demandar responsabilidades políticas. Feijóo vaise parapetar detrás dos muros da imprensa amiga, desas empresas que tan xenerosamente subsidia desde San Caetano. Mais a sociedade debe mobilizarse e pedir contas a quen está a desbaldir o patrimonio colectivo.

Con NGB agora en mans dun banco privado venezuelano, o pobo galego só ten unha opción por diante: reclamar de forma masiva a constitución dunha banca pública galega. A única forma de evitar que o noso aforro escoe cara ao exterior, para financiar a prosperidade allea.

Comentarios