Opinión

Congreso Manuel Luís Acuña: defensa do ensino público de calidade

“Do que na terra suceda,/lávome as maus”. Poderían ser estas palabras proferidas, prosaicamente, por moitos dos representantes políticos da dereita reaccionaria que na actualidade está instalada no poder. Unha omnimoda autoridade a súa, revestida de impunidade, ética, política, mediática e mesmo xudicial.

“Do que na terra suceda,/lávome as maus”. Poderían ser estas palabras proferidas, prosaicamente, por moitos dos representantes políticos da dereita reaccionaria que na actualidade está instalada no poder. Unha omnimoda autoridade a súa, revestida de impunidade, ética, política, mediática e mesmo xudicial.

Mais a cita inicial son versos que están incluídos na edición, sacada por Xerais en 1992, do poemario Fírgoas, editado orixinariamente no obraidoiro do editor Ánxel Casal hai agora oito décadas, naquela farturenta colleita de 1933. Libro, sen dúbida, de culto, para unha inmensa minoría, que viu, dende aquela altura, cinco edicións.

Destacado mestre da Segunda República, Manuel Luís Acuña era, ademais, unha figura salientábel da ATEO, gloriosas siglas que, sen dúbida, cómpre reivindicar. Por todo o que a Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense loitou en prol dunha educación ao servizo dos intereses da nosa terra, en beneficio da calidade educativa, de dimensión laica e universal.

Como indicou, nun dos pasados congresos, Antón Costa Rico —cuxa declaración está recollida no correspondente volume de actas—, a chegada da Segunda República introduciu no pobo galego a linguaxe da cidadanía, da democracia, da construción social, da dignidade, da autonomía e da solidariedade. A preocupación por unha educación pública constituía —canda valores coma o laicismo, o recoñecemento colectivo dos intereses da clase traballadora, dos dereitos sociais— o cerne do desenvolvemento educativo e cultural.

O contraste cos mandamentos da dereita que arestora ocupa o goberno, xa sexa no eido galego ou estatal, non pode ser maior. Véxanse, como mostra algúns exemplos: reforzo do papel dos ‘transmisores da relixión cristiá’ nas aulas —retribucións incluídas—; incremento exponencial de cartos públicos para os centros privados; recorte drástico nas prestacións —materiais e humanas— da función pública; despreocupación absoluta polo tratamento individualizado do alumnado —con especial repercusión no numeroso grupo que sofre problemas de adaptación—; falla total de investimentos en I+D+I; incremento de número de horas ao profesorado; aglomeración de alumnado —con moi diferentes capacidades, intereses e ritmos de formación— nas aulas; obriga da impartición de materias nas que o docente non é especialista nin ten por que ser competente; peche de centros escolares e de unidades educativas no mundo rural —pasando a ter que un único mestre se facer cargo de rapazas e rapaces de idades e niveis moi diferentes—; redución significativa da presenza da lingua galega no currículo; interposición de barreiras para o acceso dos fillos das clases populares aos estudos superiores; obriga do alumnado a ter que escoller un —irreversíbel— itinerario formativo a unha idade moi temperá...

"Incentívase a educación libresca, teórica, pasiva e desmotivadora. Por contraste, á que propugnaba Acuña"


Unido a isto, a perda drástica de poder adquisitivo do colectivo de docentes trae tamén como repercusión directa o desprestixio da profesión e unha desmobilización potencial. Porque, como é ben sabido mais interesadamente se quere ignorar, a maiores das horas lectivas e das destinadas á axeitada preparación da materia, da procura de recursos atractivos, da corrección de probas, etc, etc, é moito o tempo dedicado profesorado a actividades de carácter extraescolar.

Resulta curioso, asemade, a gran capacidade de manipulación da realidade posta en práctica —e financiada con xenerosas campañas publicitarias pagadas con cartos públicos—, co único obxectivo de terxiversar a realidade e, polo tanto, mentir. Isto vese moi ben en dúas marcas mediáticas estrela postas acotío na boca dos dirixentes políticos: a formación en idiomas e as TIC.

Polo que respecta ao primeiro punto, se, realmente, se quixese que a rapazada aprendese inglés, entre outras cuestións, terían que destinarse recursos abondos para que en todos os centros houbese laboratorios de idiomas ben equipados, fomentar bolsas de estudos para realizar saídas ao exterior... Mais que é o que realmente está a acontecer: quitarlle horas ao galego para aumentar as do castelán.

En referencia ás tecnoloxías da información e da comunicación, entre tanta mentira que decote está a abalar, a realidade dinos que moitos centros públicos apenas gozan duns escasos equipamentos informáticos.

Estes só son algúns exemplos, máis ca evidentes, da repercusión da aplicación —sen lugar a dúbidas, premeditada— de políticas neoliberais, cuxo fin claro é o de recortar dereitos e de lle empeorar as condicións de vida á maioría dos cidadáns.

E non se esqueza tampouco o reforzamento da relixión —cristiá— na vida ordinaria das aulas. Se ao poder político da dereita lle preocupase, de verdade, a mellora dos resultados académicos, máis alá do titular dun eventual informe europeo negativo, aplicarían efectivas medidas correctoras. Como o é a necesidade de sacar a materia de relixión fóra do currículo para así poder reforzar a competencia lingüística ou matemática.

Mais a falla de atención e de investimento de recursos aos centros públicos provoca que non se poida desenvolver unha educación achegada ao medio, que teña en conta as necesidades e potencialidades do noso país. O cal, doutra banda, contribuiría a frear moito a —practicamente única— alternativa a emigrar do alumnado cos mellores currículos.

Todos estes trazos negativos incentivan a aplicación dunha educación libresca, teórica, pasiva e desmotivadora. Por contraste, a este modelo opúñase, de xeito frontal, o que propugnaba a Segunda República —con saídas ao exterior, con experiencias tan enriquecedoras e produtivas coma as da Misión Biolóxica de Galiza ou as das Misións Pedagóxicas—, do cal Acuña era un xurdio valedor.

En definitiva, estas son algunhas consecuencias dunha aposta política privatizadora, de espolio do patrimonio público, de afán recentralista, espírito integrista de cruzada relixiosa e vontade españolizadora. Unha auténtica wertgoña para a que só nos quedan dúas alternativas: pagar ou parar.

Para isto son tan necesarias coma imprescindíbeis iniciativas coma a da celebración, en próximas datas, do V Congreso Manuel Luís Acuña. O interese das propostas e o meritorio perfil dos participantes convidan, aínda máis se callar, a se inscribir nel.

Terá lugar na, xa atractiva de seu, vila da Pobra de Trives, os vindeiros 1 e 2 de marzo. A aposta e o esforzo do equipo de goberno da localidade en prol desta causa son moi de gabar. Toda a información sobre as actividades previstas contense no portal de Nova Escola Galega, unha das entidades organizadoras: http://www.nova-escola-galega.org/. Velaí, logo, unha proposta acaída para visitar.

Comentarios