Opinión

Con que eficacia se destrúe o que tan inestable se construíu

Non nos gustaba nada o que había. Tampouco é que nunca definiramos a ruta alternativa e cando nos tocaron responsabilidades –cativas sempre- non foi para botar foguetes.Todo vontade, porque a vontade non hai que non gañe. Fomos levantando proxectos, si, pero con pouca raíz, escasa rede e menos estabilidade.

Non nos gustaba nada o que había. Tampouco é que nunca definiramos a ruta alternativa e cando nos tocaron responsabilidades –cativas sempre- non foi para botar foguetes.

Todo vontade, porque a vontade non hai que non gañe. Fomos levantando proxectos, si, pero con pouca raíz, escasa rede e menos estabilidade. A consolidación, sempre o problema: as normas, as estruturas, a teorización, os plans, os organismos..., eran atrancos, burocracia e perda de tempo. Aceptamos algúns a contrapé. Subscribimos plans sen asumilos. Participamos en órganos, sen acreditar neles. Deixamos estar normas e dedicámonos a amosar vontade, que iso é o que vale.

Practicamos nas institucións o que faciamos nas asociacións. Pero institución remite a normas, estruturas, planificacion, estabilidade..., conceptos nada cómodos pero imprescindibles nese campo de xogo.

Tamén é certo que sempre andamos premidos polo tempo, as prioridades, os pactos, os custos... Tampouco hai que romper por nada, nós poñemos toda a vontade e somos os máis grandes.

"Non chegan vontades minoritarias, teñen que estar arraigadas e contar con moito pobo para soster os tempos difíciles".

Eu acredito: sen vontade non hai nada. Pero non chegan vontades minoritarias, teñen que estar arraigadas e contar con moito pobo para soster os tempos difíciles. E non acertamos reforzando o colectivo, só nos preocupamos de reforzármonos desde as institucións, converténdonos en moi dependentes. As redes incentivan e espilen os proxectos pero enredan, atrancan, molestan... e tampouco era o caso poñerse con iso.

E claro, por moito que si, que fixemos, que houbo avances, cambios..., que houbo moito bo, desfacelo é moi doado. Case nada estable, consolidado, protocolizado, “institucionalizado” dentro. Un dividido, feble e dependente tecido fóra. O castelo ten area de máis para resistirse ás piquetas de destrución que agora funcionan.

Eles, os outros –os outros de verdade, non os nosos outros- teñen claro o obxectivo e son eficaces: algún decreto; moitos recortes; un deixar correr que agora xa non...; poñer por diante o que lles importa; facer que fan... Sen présa e sen pausa, cada día desfaise un pouco máis e o galego ten menos espazo, apoio, soporte, cobertura, impulso ou defensa na política lingüística institucional. Diso estamos falando.

Pero o que aprendemos servirá para o futuro, ou non?

Comentarios