Opinión

Con Chávez gañou a Venezuela soberana

O pobo de Venezuela vén de reafirmar nas eleccións celebradas onte o seu apoio á Revolución Bolivariana dándolle a Hugo Chávez a maioría e por tanto a posibilidade de asumir a presidencia do país nun novo periodo.

O pobo de Venezuela vén de reafirmar nas eleccións celebradas onte o seu apoio á Revolución Bolivariana dándolle a Hugo Chávez a maioría e por tanto a posibilidade de asumir a presidencia do país nun novo periodo.

Os resultados provisionais dan o triunfo á candidatura apoiada polo Gran Polo Patriótico que encabezaba Chávez cun 54,84% dos votos mentres a opositora Mesa de Unidade Democrática encabezada por Enrique Capriles quedou a 10 puntos cun 44,55% de apoios; estes resultados supoñen unha vitoria clara de Chávez que bota por terra todas as previsións de medios de comunicación e empresas demoscópicas que nas pasadas semanas falaban un resultado moito maís axustado; tendo ademais un triunfo de Chávez un doble valor ao ser estas eleccións unhas das máis participadas da historia do país ao ter exercido o dereito ao voto perto do 81% do censo electoral.

Cómpre recoñecer tamén que pese ás previsións de que a oposición diante da previsíbel derrota ía negar validez ao proceso electoral Enrique Capriles recoñeceu que viña de perder as eleccións, feito que vai rebaixar a tensión social existente no país entre apoiantes do goberno e da oposición.

Os resultados de onte poñen fin a unha loga campaña electoral pero tamén a unha longa campaña de intoxicación mediática da inmensa maioría da prensa occidental que presentaba a Chávez como un ditador extravagante ao tempo que facía fincapé na súa enfermidade como condicionante para un futuro estábel no país, e á intervención da administración norteamericana por medio de distintas axencias e ONGs que aportaron inxentes cantidades de diñeiro destinado á oposición. Haberá que agardar á reacción da administración norteamericana pero a experiencia dinos que non aceptarán de bo grado que se manteña Chávez no poder e buscarán novos métodos para tentar desestabilizar o país e a rexión.

A Venezuela agárdana seis anos para seguir avanzando no proceso bolivariano con importantes retos por diante destacando a necesidade de: diversificar a economía para non ser tan dependente da industria petrolífera, incrementar as políticas de desenvolvemento do sector primario para disminuir a importación de alimentos, mellorar as infraestruturas públicas, reducir a violencia ….

No ámbito político veremos se o Gran Polo Patriótico que ademais do PSUV e do Partido Comunista conseguiu incorporar a sectores do PPT e de Podemos que nas eleccións lexislativas de hai dous anos estaban aliñados coa oposición, dá paso a estabilizar unha alianza política plural con ese ou con outro nome que poida seguir traballando unida na creación de poder popular e que poida dar resposta á interrogante de quen serán os novos líderes que xurdan para un posíbel relevo de Hugo Chávez.

Coas súas especificidades e contradicións marcadas en grande parte pola propia figura de Hugo Chávez a continuidade do proceso bolivariano é un respiro para Latinoamérica, non debemos esquecer que nun continente no que só Cuba mantiña en alto a bandeira da dignidade e da soberanía nacional fronte aos EEUU foi o triunfo electoral de Chávez en 1999 o que deu folgos ás organizacións políticas e sociais de outros países que pouco a pouco foron incorporándose ao proceso de transformacións aberto, un camiño transitado hoxe pola meirande parte do continente e que levando en cada pobo o seu propio ritmo conta con dous elementos que os unifican.

O primeiro é a convición de que o único camiño para poder desenvolverse sen inxerencias externas é manter viva a reivindicación da plena soberanía nacional e o segundo é a confianza en que cada pobo é quen de crear modelos sociais alternativos en función das súas maiorías sociais sen acudir a receitas ou modelos alleos.