Opinión

Compartamos o escaso pan e o viño

Como galego nunca me sentín tan representado pola Real Academia Galega como no período que agora se desmorona inexplicablemente.

Como galego nunca me sentín tan representado pola Real Academia Galega como no período que agora se desmorona inexplicablemente.

Xosé Luís Méndez Ferrín non é, coma ningún de nós, un “santo”, como todos nós está cheo de defectos, pero co seu traballo na Academia, ao lado de todos os membros da executiva, conseguiu que moitos galegos e galegas que prestaban pouca atención á Real Academia Galega, de súpeto se sentisen representados por ela, se sentisen orgullosos dela, e isto se diga o que se diga, sexa cal sexa a verdade da Real Academia, o pracer disto xa ninguén nolo vai quitar. Lembraremos sempre a Ferrín como o home que fixo ao pobo galego sentirse parte da Academia. Quen puxo a Academia, indiscutibelmente, ao servizo do pobo galego. Non quero con isto restar importancia a outros Presidentes, quero recoñecer o labor tamén moi loable de Xosé Ramón Barreiro.

"Pregúntome se a Academia seguirá sendo a casa de todo o pobo galego, ou volverán ás tebras de tempos pasados"


Agora coa renuncia de Ferrín, un verdadeiro Percival sempre na procura do noso Grial, o meu corazón está encollido, espero ao futuro preguntándome se a Academia seguirá sendo a casa de todo o pobo galego, ou volverán ás tebras de tempos pasados.

Galiza é un país onde semella moi fácil prescindir de calquera, cando a nosa situación actual e histórica indica que debería ser todo o contrario. Todos somos necesarios e necesitamos estar unidos e compartir o escaso pan e o viño. Dá igual que nos guste máis ou menos a persoa a quen lle ofrecemos a nosa copa, a cuestión é que só compartindo a mesa poderemos defender a nosa patria, estar divididos e enfrontados entre nós é e foi historicamente a grande debilidade de Galiza.

Comentarios