Opinión

Comedor na consellaría de Educación

Recibía, hai un par de días, unha carta da consellaría de Educación na que se me indica que @s meus fill@s non teñen dereito nin a transporte escolar, porque faltan apenas 100 metros para completar os dous quilómetros de distancia ao centro, nin a comedor. Comunícaseme que, en todo caso, podo facer uso de ambos os dous sempre e cando quede algunha praza libre e se así o autoriza o Consello Escolar.

Recibía, hai un par de días, unha carta da consellaría de Educación na que se me indica que @s meus fill@s non teñen dereito nin a transporte escolar, porque faltan apenas 100 metros para completar os dous quilómetros de distancia ao centro, nin a comedor. Comunícaseme que, en todo caso, podo facer uso de ambos os dous sempre e cando quede algunha praza libre e se así o autoriza o Consello Escolar. Deixa claro así a consellaría que tanto o transporte como o comedor –este último municipal e subvencionado polo concello, pero non gratuíto- son concesións graciosas, se cadra para que me sinta agradecida. Coma min centos de persoas recibiron esa mesma comunicación nestes últimos días.

Coincide esta misiva co anuncio do conselleiro de Educación do copago do servizo do comedor no que semella ser xa o colmo dos despropósitos.

A consellaría de Educación omite que os comedores escolares son imprescindíbeis para garantir o dereito á educación de rapazas e rapaces que viven a máis de dous quilómetros do centro de ensino. Omite tamén que son igualmente imprescindíbeis para garantir a conciliación e favorecer a inserción laboral da muller e, polo tanto, a nosa independencia económica.

"A consellaría omite que os comedores escolares son igualmente imprescindíbeis para garantir a conciliación e favorecer a inserción laboral da muller"


É intolerábel que día a día teñamos que escoitar as proclamas dialécticas de señores que so pretexto de implantar unha suposta progresividade van furtando dereitos e recortando servizos sociais. Se de verdade quixeran defender esa progresividade tíñano ben doado reformando o sistema fiscal para que cotice máis, vía IRPF, quen máis ten. Se non o fan así están aplicando unha metodoloxía perversa que vai prexudicar sempre a quen parte da situación económica máis desfavorecida.

O grave deste asunto é que o comedor escolar é un servizo necesario, vivas a 10 quilómetros, a 3 ou a 400 metros do centro de ensino. As medidas que tiveron a ben aprobar a través da reforma laboral, e que introducen a flexibilidade laboral e horaria, dificultan a xa complicada conciliación. Os recortes salariais que se están aplicando nas nóminas de traballadoras e traballadores fan que cada vez sexa máis prohibitivo, para a maioría da poboación, acceder aos servizos públicos.

No fondo da cuestión está a concepción da sociedade que ten este conselleiro que goberna, unicamente, en función dos intereses da súa clase. E máis unha vez ponse en evidencia que o PP quere que as mulleres regresemos ao lugar do que cren que nunca deberiamos ter saído: a casa.

O problema é que hoxe xa non estamos nesas e de perseverar neste tipo de medidas calquera día, se seguen a recortarnos servizos, aparecemos na consellaría para que el mesmo se faga cargo d@s nos@s nen@s, mentres estamos en horario de traballo. Tiña que ter salarios e horarios de Gadis para saber o que é vivir como galegas.

Comentarios