Opinión

O combate ao terror machista ten de ser unha prioridade

Parar o terror machista non é unha prioridade dos poderes públicos no Estado español e teno que ser e teno que ser xa.

Parar o terror machista non é unha prioridade dos poderes públicos no Estado español e teno que ser e teno que ser xa. As cifras son insoportábeis. Os balbuceos e as vacilacións perante elas dos responsábeis políticos, do Estado e da Xunta, son inaceptábeis nunha democracia avanzada. Hai que cambiar e de inmediato de estratexia ou quizá deberiamos reformular a frase e dicir que hai que ter unha estratexia, cousa da que agora os poderes públicos carecen.

Estamos a falar dun asunto dunha complexidade extrema e que ten a ver con cuestións até antropolóxicas, mais o que en absoluto vale é non acertar co diagnóstico e non comezar por recoñecer que estamos perante un problema político e que precisamente se debe abordar desde a política, isto é, desde a capacidade que teñen os poderes públicos para organizar a vida social.

O debilitamento das políticas de igualdade promovido polo PP coas súas políticas de recorte é patriarcado puro e é tamén unha forma de violencia contra as mulleres

No que levamos de 2014, foron asasinadas na Galiza 7 mulleres polo terror machista, unha cifra que máis que dobra o balanzo de vítimas mortais de 2013 (3). No Estado a 57 mulleres foilles arrebatada a vida neste 2013 pola simples razón de seren iso, mulleres.

O fracaso das políticas públicas nesta materia é absoluto, mais non hai o menor indicio de que o PP -ao mando con maioría absoluta en Madrid e na Galiza- teña a menor intención de as reconsiderar. Habería que se preguntar por que. A resposta ten inevitabelmente a ver coa ideoloxía que sustenta o Partido Popular. Non hai maneira de enfrontar o fenómeno da violencia machista se non é cuestionando o patriarcado e o patriarcado está no ADN da dereita española, debedora dunha concepción profundamente conservadora e nacional-católica do papel que as mulleres deben xogar na sociedade.

Desigualdade de roles

A desigualdade de roles está na orixe da violencia machista, da que é a súa máxima expresión. O debilitamento das políticas de igualdade promovido polo PP coas súas políticas de recorte é patriarcado puro e é tamén unha forma de violencia contra as mulleres. Como tamén o é negar o seu dereito a decidir libremente sobre a maternidade.

Hai que parar o terror machista e iso pasa por derrotar o patriarcado e as políticas que del resultan. Poñámonos conscientemente, e todos os días, non só os lutuosos, á tarefa.

Comentarios