Opinión

Club de lectura: moito máis que un club!

Advirto desde xa, atento e crítico lectorado, desde o primeiro asalto visual a esta patalla, que a escrita destas miñas palabras atenden a queixa do Presidente do Goberno do Estado español e Presidente do Partido Popular (tamén) español (si, si, si, ese mesmo, non fan falta máis indicios sospeitosos nin presuntas declaracións!) ao dar mostras de desagrado nun medio xornalístico por estarmos sempre a falar de cosas que no son las mejores. Algo gravísimo por parte da maioría social que demostra que aínda non se decatou de que España va mejor.

Advirto desde xa, atento e crítico lectorado, desde o primeiro asalto visual a esta patalla, que a escrita destas miñas palabras atenden a queixa do Presidente do Goberno do Estado español e Presidente do Partido Popular (tamén) español (si, si, si, ese mesmo, non fan falta máis indicios sospeitosos nin presuntas declaracións!) ao dar mostras de desagrado nun medio xornalístico por estarmos sempre a falar de cosas que no son las mejores. Algo gravísimo por parte da maioría social que demostra que aínda non se decatou de que España va mejor.

Así que imos falar do que con certeza funciona e moi ben!

Durante os tres últimos cursos escolares participei na coordinación dun Club de Lectura no centro educativo en que traballo. Reafírmome na transcrición maiúscula inicial do termo, Club de Lectura, porque responde á importancia tamén maiúscula que lle concedo, á vista da experiencia persoal vivida neste tempo e da coñecida indirectamente dalgúns dos 222 CPI e IES galegos en que están a funcionar.

 "Meu alumnado leva lido moito máis do que calquera persoa adulta na súa idade"

A iniciativa acollérase previamente como resposta de implicación activa a unha convocatoria da Consellería de Educación, entendéndoa como unha medida de actuación positiva para a mellora do proxecto educativo de centro e, en concreto, como actividade concretizadora do Proxecto Lector, que contribuíse para a mellora da capacidade lectoescritora do alumnado participante e mais para a adquisición das competencias básicas, nomeadamente a competencia lingüística (esa que indica que sabemos da fulcral importancia da colocación pronominal propiamente galega e da inexistencia de tempos verbais compostos; da correcta pronuncia da banda irlandesa de folk tradicional, coñecida universalmente e recente Medalla Castelao, The Chieftains, ou da existencia da terminación -se en nomes de orixe culta grega que alguén teimou en pór de rabiosa moda como o nome tan común, singular e nada abstracto crise)

Non é a miña intención nesta breve reflexión redundar no marco teórico que explique as vantaxes da lectura, especialmente nas primeiras etapas formativas (mágoa que esta convocatoria só vaia dirixida para educación secundaria, bacharelato e formación profesional e ignore a educación primaria), as oportunidades de socialización que a pertenza ao grupo con intereses partillados ofrece ou mesmo as bondades do intercambio comunicativo que permite o feito de ler e falar de lecturas comúns entre os diferentes membros da comunidade educativa.

Ben clarificadoras foron as palabras dos catro docentes que participaron na “Mesa de experiencias: clubs de lectura e competencias básicas” que se celebrou o pasado 31 de maio no marco da VI Xornada dos Clubs de Lectura (http://vimeo.com/68521436), organizada desde a asesoría de bibliotecas escolares, equipo profesional e mediador entre a Administración e os centros educativos, capaces de xerar en nós ilusión cómplice e alicerces da implantación dun modelo coeducativo referencial, tamén fóra de Galiza, desde a lectura, vertebrado desde o espazo vivo da biblioteca escolar.

Rematado o curso, era mester someter a valoración os obxectivos conseguidos ou non, así como recoller impresións acerca da dinámica de funcionamento do Club de Lectura que, integrado por trinta e dous alumn@s e cinco profesoras, se desenvolveu ao longo de todo o curso 2013-14, nuclearizado, para alén doutras actividades puntuais, nunha sucesión de encontros-tertulia para falarmos das lecturas propostas e de todo un mundo de pensamentos, estímulos e sensacións que estas xeraban en cada un/unha de nós.

"U-los anuncios sedutores, prometedores, engaiolantes ou ilusionistas para as últimas novidades editoriais? Onde o Plan Director do Libro da Consellería de Cultura e Educación?"

Debemos salientar que as xuntanzas presenciais se celebraron sempre en horario vespertino e fóra do horario lectivo de alumnado e profesorado, así como o obxectivo central do proxecto: converter a lectura nun pretexto para o acompañamento da formación escolar, o intercambio comunicativo e o convivio entre diferentes membros da comunidade educativa. Con todo, a ferramenta de amplificación visibilizadora ten o seu carimbo propio dixital no blog do club, o espello público onde permanece a memoria gráfica deste traballo creado internamente en comunidade para o coñecemento externo, e desde onde puidemos desenvolver catro grandes obxectivos que inicialmente nos propuxeramos: informar, interactuar, estimular a expresión creativa e percorrer conxuntamente unha viaxe interlingüística.

En chegando a hora do balance avaliativo, o alumnado tivo ocasión de se expresar por escrito e anonimamente. De entre as diferentes cuestións consultadas, gostaría de enunciar as seguintes.

1. Ao participares no Club cres que melloraches en...
2. Que foi o que máis gozaches?
3. Que mellorarías para o curso próximo?

A primeira pregunta contiña dez posíbeis respostas e as maioritarias foron: gozar da lectura; expresarme oralmente en público; compartir opinións; coñecer máis autores e obras; comprender o que leo ;recoñecer valores humanos e éticos. 

Canto á segunda, a opción maioritaria foi participar nas actividades propias do club paralelas ás lecturas (encontros con escritores/escritoras; preparación de lecturas interetapas na biblioteca; gravacións relacionadas con efemérides vinculadas á literatura como o Día de Rosalía, intercambio con outro instituto, etc); deseguido, seguirían mellor valoradas a sensación de formar parte do grupo; compartir lecturas; ler por pracer; reforzar relacións interpersoais co profesorado e alumnado.

E, finalmente, a terceira pechábase coa case unánime petición de máis reunións e de maior duración.

Con certa frecuencia escoitamos queixas a respecto da pouca vocación lectora da mocidade. 

"Mestres agardamos pola vontade política, nun bo mangado representativo de centros de ensino público continuamos a acreditar en que os libros e a lectura son auga fresca para o coñecemento e o goce do lecer". 

A experiencia permíteme discrepar. O meu alumnado leva lido moito máis do que calquera persoa adulta na súa idade, mais ben puidera parecer certo, porque os tempos viraron cara esta sociedade de hiperconsumo materialista do inncesario e supérfluo, ao tempo que consumidora das propias persoas, e non permite o canon estético aculturalizante promocionar a compra ou préstamo bibliotecario de libros nin pon en valor ningunha das súas potencialidades. 

Xa sabemos que a mellor teoría é unha boa práctica, mais u-los anuncios sedutores, prometedores, engaiolantes ou ilusionistas para as últimas novidades editoriais? Onde o Plan Director do Libro da Consellería de Cultura e Educación que planifique un marco de actuación ambicioso que priorice en verdade e con feitos concretos a aposta polo libro e a lectura como unha ferramenta irrenunciábel para a formación, desde o coñecemento e para a liberdade, da infancia e mocidade, desde a casa e a escola, nun primeiro momento, mais necesariamente logo promovido e vehiculizado polos restantes axentes sociais para evitar que a cadea quebre?

Mestres agardamos pola vontade política, nun bo mangado representativo de centros de ensino público continuamos a acreditar en que os libros e a lectura son auga fresca para o coñecemento e o goce do lecer. Este é outro dos nosos compromisos como docentes do ensino público. E nin renegamos nin claudicamos!

Comentarios