Opinión

Círculos e cadeas

“… que se expresa bastante ben en castelán tendo en conta o pouco tempo que leva en territorio galego…”  Esta frase foi pronunciada e emitida publicamente hai escasos días por un locutor da TVG en referencia a un xogador do Clube Deportivo Ourense de fútbol que coido que é de Marrocos. Un outro prexuízo espallado desde a nosa televisión pública.

“… que se expresa bastante ben en castelán tendo en conta o pouco tempo que leva en territorio galego…” 

Esta frase foi pronunciada e emitida publicamente hai escasos días por un locutor da TVG en referencia a un xogador do Clube Deportivo Ourense de fútbol que coido que é de Marrocos. Un outro prexuízo espallado desde a nosa televisión pública.

Xa teño falado disto nalgunha ocasión, mais desgrazadamente nunca cesan os motivos, as razóns para denunciar casos que seguen afondando na concepción do galego como unha lingua de uso reducido ao ámbito doméstico (agora case nin iso), unha lingua que non é válida para calquera tipo de comunicación, ou unha lingua que unha persoa falante doutro idioma non poida entender e dominar con normalidade. Claro está, non é normal falar galego estando na Galiza. Iso é unha anomalía, non si?

Descoñezo se o locutor que pronunciou tal exemplo de auto-odio foi quen de se decatar da incoherencia do que acababa de dicir. Cambiemos simplemente dúas palabras da mesma frase:

“…que se expresa bastante ben en francés tendo en conta o pouco tempo que leva en territorio italiano”


Resulta pouco lóxico, non? Se estamos nun territorio, o lóxico sería expresarse na lingua propia dese territorio.

Mais nun contexto de invasión lingüística -chamémoslle así ao que vivimos desde hai séculos coa chegada do castelán (porque non hai que esquecer que o castelán chegou a Galiza e aquí xa tiñamos lingua propia)- e desde un subconsciente no que se pensa que unha persoa foránea debe ser atendida en lingua española, porque o galego vale para falar “entre nós” (como dicía aquela campaña de Política Lingüística hai anos que afondaba nos mesmos prexuízos), pero a persoas falantes doutras linguas cómpre falarlles castelán para que “entendan mellor” (coma se o galego fixese sangrar as orellas), a lóxica carece de toda lóxica.

E cando esa idea do subconsciente aflora e se difunde publicamente a través dunha canle pública de televisión o que fai é introducirse inda máis no subconsciente colectivo e completar o círculo vicioso. A CRTVG, que naceu para axudar a rachar ese círculo, tense convertido nos últimos tempos nun elo máis da cadea que nos apresa.

Mais sabemos ben como se rachan as cadeas, non?

Comentarios