Opinión

Cinco mentiras sobre a crise económica

Desde o século XIX, os pensadores socialistas e logo a propia historia económica lémbrannos que o capitalismo se define por fases de crecemento ás que inevitablemente lle suceden outras de crise. O que nos chama a atención da actual crise económica é a súa duración (a de 1929 xa se empezou a remontar no 1933-34 e agora non hai trazas) e o aparato propagandístico que se desenvolveu ao redor da mesma.

Desde o século XIX, os pensadores socialistas e logo a propia historia económica lémbrannos que o capitalismo se define por fases de crecemento ás que inevitablemente lle suceden outras de crise. O que nos chama a atención da actual crise económica é a súa duración (a de 1929 xa se empezou a remontar no 1933-34 e agora non hai trazas) e o aparato propagandístico que se desenvolveu ao redor da mesma. No fondo, procúrase repetir que estamos moi mal, pero que desta saímos, que as medidas adoptadas van na boa dirección, ou senón funcionan a culpa é dalgúns despiadados axentes (os mercados, os alemáns, os políticos, etc.). A respecto dalgunhas desas inexactitudes quixera escribir expresando o que penso.

A crise era inevitable e posúe un carácter mundial. É posible que despois dunha fase de crecemento forte veña outra de estancamento ou recesión, pero a crise era evitable, polo menos, con dúas medidas. A primeira, ter rachado co modelo de escasísimo control as entidades financeiras que inauguraron os gobernos de Reagan e Thatcher nos 1980, e do que os ministros de economía españois foron alumnos aventaxados (Boyer, Solchaga, Solbes, Rato…). Hai catro anos tiñamos “o sistema bancario máis sólido de Europa”, xa se ve. Outra puntualización, no 2012 estamos en crise os europeos, o resto do mundo segue a medrar economicamente (collede os datos de China, Brasil, Canadá, etc.). É evidente que o mundo eurocéntrico tocou definitivamente ao seu fin, e que o noso continente terá menos peso no mundo futuro.

O carácter benéfico dos rescates. Neste asunto, eu procuro pensar como un paisano. Se o veciño de enfronte se arruína por unha mala xestión, eu podo axudalo a saír desa (ou non), pero en calquera caso iso non é bo nin para o meu peto, nin para o del se queda obrigado a pagarme a un bo interese. Por iso, ao mellor foi máis positivo o que fixeron os islandeses de deixar a varios bancos na bancarrota, pechalos, respectar aos aforradores, e destinar ese diñeiro a fomentar o crecemento (así están saíndo da crise). E que nos rescaten como Estado-nación, nin facilita os créditos, nin vai na boa dirección. Só estamos máis endebedados, con máis necesidades de pagar, cun sector público asfixiado, cando para saír da crise (tedes centos de tratados económicos dispoñibles), fai falla investimento público destinado ao crecemento.

O despilfarro do sector público. Isto si é pura propaganda neoconservadora. Cando no Estado Español comezou a crise, a débeda privada supuña o 330% do PIB e a pública o 60% (menos que en Francia ou Alemaña). Por iso, que non nos mintan: as administracións públicas puideron malgastar nalgúns casos antes de 2008, pero non foron causantes nin moito menos da crise actual. Foi o sector financeiro e a burbulla inmobiliaria que, de xeito conxunto, provocaron a variante española na crise. Unha crise xurdida a nivel global por malas prácticas bancarias en Estados Unidos e outros países centrais do capitalismo. Por iso, o adelgazamento do sector público (reivindicado con especial agresividade contra autonomías e concellos) servirá para ter menos persoal sanitario, profesores e encargados da supervisión das contas, entre outros. E pura ofensiva neoconservadora, non serve para arranxar ningún aspecto da crise.

A imperiosa necesidade de flexibilizar. Todas as crises económicas procuran ser traducidas, desde o capital, cunha vitoria dos seus intereses sobre os traballadores. Por iso, os despedimentos deben abaratarse, os contratos a tempo parcial aumentar ou os pagos restrinxidos por hora xeneralizarse. Todo isto é flexibilizar, expresión empregada en troques de sobreexplotar a unha man de obra con moito medo a caer no paro. Flexibilizar non se aplica a desenvolver unha administración multinivel, moito máis eficaz. A nación (española, por suposto) debe ser ríxida e inflexible nas súas medidas de reforzo da flexibilización contra a crise. Non vos deixedes enganar, flexible só se emprega cuns intereses ben definidos, favorables aos que provocaron este estado de cousas e non só non queren respostar das súas responsabilidades (Rato, Gayoso, Méndez.., caeron para librar aos outros), senón afirmar o seu control sobre os mecanismos da economía e da xeración de riqueza.

Unha prima de risco inxusta. Para rematar, un pequeno cambio de tema. Imos ver que din os medios sobre a lóxica interna do capital. Normalmente, aos gobernos ortodoxos que procuran adelgazar a administración e flexibilizar o mercado laboral xurdíronlle un axentes maléficos no mercado (sinónimo de gran capital), que continúan a manter un risco-país moi elevado e unha prima de risco insostible (máis de 500 puntos). Neste caso, non é maldade; só é pura lóxica do gran capital para incrementar os seus beneficios. A prima de risco sempre está ben calculada (con multitude de variables) por parte do capital, desde as súas contas internas. Que nos di: que a marca (económica) España non é confiable. Non o é sobre todo a dez anos porque non se sabe cal será o modelo económico de crecemento futuro (non hai plan para iso), nin sequera se España seguirá na mesma configuración actual (se os vascos ou os cataláns se decidirán pola vía da independencia, algo que tamén se analiza).

Crecemento, máis sector público e modelos de desenvolvemento para o país, son como sempre as únicas receitas para a nosa sociedade. Por suposto, con poder político acrecentado nas pequenas sociedades nacionais como a galega.

Comentarios