Opinión

Chipre e o debate da soberanía

  A oposición do Parlamento e do pobo chipriota á primeira proposta da Troica, para o resgate da banca deste pequeno país, ten unha enorme importancia política. Xa que amosa que a soberanía reside en cada estado membro da Unión Europea, e que a correlación de forzas interna é fundamental para que se exerza a prol das clases populares.

A oposición do Parlamento e do pobo chipriota á primeira proposta da Troica, para o resgate da banca deste pequeno país, ten unha enorme importancia política. Xa que amosa que a soberanía reside en cada estado membro da Unión Europea, e que a correlación de forzas interna é fundamental para que se exerza a prol das clases populares. Outro aspecto a salientar é que, o reaxuste económico e social non ten un límite certo dentro da Unión Europea, cando menos mentres coiden que non existe perigo dunha revolta. Polo que, co argumento da crise, seguirase a impor a lei da selva, e a repartir o mundo con outras potencias, non sen enfrontamentos, mesmo violentos, como en Libia, Costa de Marfil, Siria, etc. A tendencia hexemónica segue sendo a dun mundo globalizado e neoliberal, funcional á concentración e centralización da riqueza e do poder nas clases dominantes. Mais é sintomático que diante dunha oposición tan masiva á esa  prosposta, todo foran nervios, botándose ás culpas os uns aos outros (Comisión Europea, BCE, goberno chipriota) e Merkel e Lagarde ameazando publicamente a Chipre. Isto reflicte as súas eivas, temores e feblezas, algo  que debemos ter en consideración.

“ A diferenza substancial reside en que o Partido Comunista é a forza política máis importante, e ademais hexemónica no movemento sindical”

Por que Chipre dixo que non, cando menos até agora, a propostas nas que estados máis grandes, como Irlanda, Portugal, Greza e o Estado español, baixaron a cabeza diante da Troica? A diferenza substancial reside en que o Partido Comunista é a forza política máis importante, e ademais hexemónica no movemento sindical. Esta é a diferenza cualitativa: o poder social dunha forza con raíces populares. Agora ben, carece dunha maioría absoluta, e non ten unha liña antisistémica clara (como amosa na súa postura diante da UE). Ademais, necesita para a maioría parlamentar da socialdemocracia, sempre conciliadora co capitalismo. Non existe garantía de que o Parlamento manteña no futuro unha actitude firme diante da Troica (máxime cando é unha República presidencialista).  Malia estas eivas e o que poda suceder no futuro, o acontecido até hoxe reflicte: que se poden tomar decisións soberanas, a importancia da correlación de forzas, e que mesmo os estados máis pequenos non son colonias nen protectorados da Unión Europea. Todo depende do partido que goberna cada país, de cales son os intereses que serven e da súa firmeza. Por iso as forzas que representan o gran capital, nos estados que están sufrindo máis duramente o axuste, dramatizan a saída do euro e da UE, e están dispostos a receitar todo tipo de padecementos ás clases populares xa que “é a única saída”. Mentres tanto aumentan acotío os lucros das grandes fortunas, e socializan as débedas dos fracasos empresariais por mor da especulación e o xogo de casino ao que ninguén pon freo.

O dito no paragrafo anterior serve como exemplo práctico para caracterizar acaidamente a integración do Estado español na Unión Europea. Algo fundamental cando hai quen, sen moita base, fai do Estado español unha colonia de Alemaña, esquecendo as contradicións no seo das clases dominantes, a loita de clases e a opresión das nacións interiores. Non hai dúbida que o axuste (crise) está a beneficiar a Alemaña, así como a alta burguesía española e ademais dá pulo á centralización económica e do poder en Madrid e contorna. Neste último caso non se trata do óptimo aproveitamento da riqueza dun territorio, como por exemplo o petróleo de Venezuela ou os cereais da Arxentina ou a industria de Corea, senón da utilización do poder político para lucrar a unha clase e potenciar un territorio, mesmo a costa do desmantelamento produtivo e da apropiación do aforro das nacións sometidas e autonomías periféricas. Por outra banda, durante dúas décadas o Estado español tivo o crecemento superior ao de Alemaña ¿como se xustifica este feito? Tampouco ten ningunha base a afirmación de que Galiza é agora unha colonia de Alemaña e non de España, cando as grandes empresas presentes na Galiza están controladas por capital español e francés, e Berlín ten un papel secundario nas relacións comerciais ¿como obtén Alemaña a máis-valía e exerce o intercambio desigual? 

En Chipre constátase asemade, máis unha vez, que a UE está disposta a tomar todas as medidas necesarias para manter e mesmo ampliar o lucro das grandes empresas, e polo tanto os ingresos das multimillonarias fortunas e altos directivos. As medidas que impón a Troica, co acordo da dereita chipriota, inclúen a privatización de empresas públicas, por 3 mil millóns de euros, e a redución de prestacións sociais (ao que sen dúbida seguirá unha reforma laboral). Mesmo dá un novo paso en beneficio dos intereses da alta burguesía gravando os depósitos bancarios (porén non o fai cos bonos, investimentos en Bolsa, etc.). Unha espoliación que vai incidir no aforro tanto na illa como no resto dos países da Unión Europea, máxime cando o curralito súmase a unha desastrosa xestión das entidades crediticias. A alternativa lóxica debería ser a nacionalización do sector, para garantir o aforro das familias e pequenas empresas, mais desta maneira non se salvarían os investimentos da alta burguesía dona de bancos e aseguradoras. Lembremos que os ricos teñen os seus cartos en accións, paraísos fiscais e en fondos de investimento. Hoxe as clases dominantes, en todo o mundo, son globalizadoras, e só se manifestan como burguesía nacional, no senso histórico do termo, cando forman parte dun estado imperialista. 

“ A alternativa lóxica debería ser a nacionalización do sector, para garantir o aforro das familias e pequenas empresas”

Asemade, cómpre salientar que na proposta da Troica quérense gravar intencionadamente os depósitos de grandes fortunas e empresas rusas (como recoñeceron fontes da UE). Isto amosa o grao de enfrontamento existente entre as vellas e novas potencias polo reparto do mercado mundial. A medida foi duramente criticada polo goberno de Putin, e todo indica que tomaran nota outras potencias emerxentes e países celosos de manter a súa independencia nacional. Teñamos en consideración que China, Rusia, Brasil, etc. posúen grandes reservas en dólares e euros e importantes investimentos no exterior. A proposta da Troica aporta moita inseguridade a estes capitais que, por outra banda, son imprescindíbeis para evitar un agravamento da crise nas potencias imperialistas hexemónicas, co sistema económico e social actual. 

Volvendo á cuestión da soberanía, despois de feitas estas consideracións. Fica claro que os estados independentes poden (na práctica) carecer de soberanía, porque as clases dominantes prefiren non exercitala a prol do pobo. Mais, un cambio na correlación de forzas na sociedade e nas institucións pode mudar esta situación radicalmente exercitando a plena soberania, malia que existan outros atrancos que superar. Cando se carece de independencia, e polo tanto de soberanía, non abonda con servir o pobo e ter a hexemonía política, xa que as forzas externas dominadoras, imperialistas, teñen ao final a última palabra. Non é unha cuestión menor. Rachar  dependencia política sempre é un proceso longo, cheo de atrancos, no que só se pode avanzar cunha correlación de forzas favorábel no interno e un contexto internacional propicio. As diferenzas cualitativas e cuantitativas de ser ou non suxeito de soberanía son evidentes. 

“A confrontación nos procesos de conquista da soberanía son tan fortes, e as contradicións tan agudas, que non existe nas últimas cinco décadas ningunha experiencia exitosa de confederación”

Tampouco se pode ignorar que neste período histórico a confrontación nos procesos de conquista da soberanía son tan fortes, e as contradicións tan agudas, que non existe nas últimas cinco décadas ningunha experiencia exitosa de confederación. Entendendo como tal: manter a unidade nalgúns temas esenciais cun novo reparto da economía e do poder en pe de igualdade, sen deixar de ser suxeito de soberanía. Lembremos o fracaso da unión de Exipto e Siria; de Exipto, Libia e Sudán; ou de Malí e Senegal; só por falar dalgúns dos intentos máis coñecidos. Que fose deste xeito non é casual, pensemos nas eivas da que foi a experiencia máis avanzada, como foi o da URSS; ademais, malia os erros, foi o sistema máis xusto no económico e social. Ademais, na etapa actual do capitalismo acelerouse o proceso de globalización para concentrar e centralizar a riqueza ao máximo, en beneficio das grandes fortunas e dos territorios máis fortes. Para este obxectivo utilízase a economía, e tamén a cultura e información, a política e a forza militar. Os avances en todos os aspectos da comunicación, empequeneceron o mundo, e non poucas veces afastan do primeiro plano do imaxinario colectivo aquilo territorialmente máis achegado (nun calculado proceso de alienación). 

Sería un erro centrar exclusivamente a necesidade da soberanía no económico ou no identitario, porque a economía, cultura, lingua, clase, ecoloxía, xénero e democracia forman un todo. Son aspectos que están moito máis intimamente unidos que nunca antes no proceso de explotación-opresión (colonial). Por iso na Galiza, as conquistas da clase traballadora, e doutras camadas populares, para alén dos avances locais ou moi conxunturais, só serán estratéxicas e xerais coa autoorganización a todos os niveis e a independencia nacional. E neste sentido a soberanía é prioritaria, e debe ser unha tarefa cotiá na loita de clases. 

“A globalización neoliberal só pode ser limitada e eliminada, nesta correlación de forzas mundial, polo poder do estado soberano ao servizo das clases populares”

A globalización neoliberal só pode ser limitada e eliminada, nesta correlación de forzas mundial, polo poder do estado soberano ao servizo das clases populares. Polo tanto non é casual nen un paso atrás, como analiza certa esquerda ancorada nunha análise mecanicista (coincidindo coas clases dominantes), o agromar de novas nacións independentes e a loita a prol da soberanía popular noutras. Algo evidente cando caracterizamos en toda a súa amplitude a realidade. Non ficamos no século XIX e principios do XX, un período no que o ámbito natural era a bisbarra, e como máximo a nación. Neste contexto, sen a plena soberanía, non se pode garantir a capacidade de desenvolvemento económico, porén tampouco consolidar a cultura e lingua propias nas nacións integradas en espazos plurinacionais, porque o capitalismo necesita homoxeneizar e controlar eses outros aspectos da vida social para ampliar a acumulación. Por iso non existe nesta etapa ningunha experiencia confederal, de cesión de soberanía, que se consolidara. Os procesos de novas construcións confederais levaran moito tempo, e se manterá no fundamental a soberanía de cada Estado nacional durante esta longa transición. Terán a forma de asociacións sobre diversos temas en áreas xeográficas moi amplas (como hoxe é o ALBA), que responden máis axeitadamente ao momento histórico. A evolución dependerá do avance dos procesos de liberación nacional e social en todo o mundo e do protagonismo da clase traballadora. Só así se poderá rematar coa opresión e a explotación da face da Terra. 

http://manuelmera.blogaliza.org/