Opinión

Chegará a “voar” o AVE?

Estes dias as máquinas e os traballadores das obras do AVE esforzan-se en desbrozar e furar o monte ás portas de Portocamba, Campos e Cerdedelo. En Portocamba, a menos de 200m das primeiras casas do lugar. Agora mesmo hai dous turnos de traballo, en pouco tempo han ser tres, ruido sen trégua para a viciñanza.

Estes dias as máquinas e os traballadores das obras do AVE esforzan-se en desbrozar e furar o monte ás portas de Portocamba, Campos e Cerdedelo. En Portocamba, a menos de 200m das primeiras casas do lugar. Agora mesmo hai dous turnos de traballo, en pouco tempo han ser tres, ruido sen trégua para a viciñanza.

Estas obras forman parte do treito “Campobecerros-Cerdedelo”, orzamentado en 187 millóns de euros e pertencente, á sua vez, ao tramo Lubián-Ourense do comboio de alta velocidade que conectará as cidades galegas coa capital do Estado en tres horas e pouco.

Mais ao contexto de contínuo recorte orzamentar, axuste social e control do gasto público é mui posíbel que se xunte en pouco tempo un escenário de rescate total da economía española. Pondo-nos nesa situación, onde a eficiéncia do investimento público será milimétricamente calibrada, non é de estrañar que se suspendan indefinidamente as obras do AVE. A pesar da hipotética blindaxe da lei de contratación coas administracións públicas, é óbvio que nunha situación onde a excepcionalidade marca a pauta, proxectos, ao meu ver, tan absurdos como este deberían paralizar-se sine die.

Considerando que esta hipótese de paralización das obras se chegase a materializar, cal será o posicionamento das formacións políticas que din defender a nosa terra? Seguirá a considerar-se prioritária e estratéxica esta obra por parte do nacionalismo hexemónico? Persistirá a consideración da conexión ferroviária coa Meseta por alta velocidade como un frente de desgaste eleitoral?

Descoñecemos se finalmente esta hipótese da paralización das obras se fará realidade e en qué momento acontecerá isto. Antes ou despois das eleicións autonómicas? Ou, sendo máis pesimista, antes ou despois dunhas novas eleicións estatais? A cuestión incide directamente na credibilidade do suposto xiro á esquerda e ao soberanismo tanto do BNG como da nova formación liderada por Xosé Manuel Beiras. Asumindo eses novos princípios orientadores, cómo casa elaborar un discurso que reivindique a continuación das obras do AVE? Está mui ben teorizar sobre os novos impulsos, sobre os novos obxectivos, e pretender transmitirlle á cidadanía a necesidade desa nova andaina. Mais para avanzar, que prenda a ilusión é factor imprescindíbel.

Existen dilemas non pechados no nacionalismo hexemónico. A inexisténcia dun debate profundo e sosegado fixo posíbel que se aceitasen e mesmo se reivindicasen proxectos tan denostados desde o ambientalismo galego como a REGANOSA, o novo plano eólico ou o AVE. Proxectos que, sen dúvida, algo tiveron a ver coa perda de votos que supuxo, a maiores, a perda do governo autonómico.

No momento actual, que se di de “emerxéncia nacional”, sería difícil concibir unha nova escenificación política en defensa do AVE. Proceder dese xeito, asumindo como dano colateral as miles de toneladas de entullos que sepultarán os regatos que baixan das montañas do sacauntos Romasanta, sería como cancelar as posibilidades de reforzamento da base popular dun novo proxecto emancipador para a nosa terra. Alá cada quen. Nunca houbo un camiño que non se andase duas veces.

Comentarios