Opinión

Chávez era moito máis que un gran comunicador

Hai algo máis de dous anos fun convidado polo Encontro Sindical Nossa Américapara participar como relator nunha comisión da 3ª xuntanza, que se realizou en Caracas. O acto de clausura foi presidido polo presidente da Venezuela, Hugo Chávez Frías. E debo dicir que, malia que se fixo ao encetar a noitiña e a intervención foi moi longa, tivo a virtude de manter en todo momento a atención do público.

Hai algo máis de dous anos fun convidado polo Encontro Sindical Nossa Américapara participar como relator nunha comisión da 3ª xuntanza, que se realizou en Caracas. O acto de clausura foi presidido polo presidente da Venezuela, Hugo Chávez Frías. E debo dicir que, malia que se fixo ao encetar a noitiña e a intervención foi moi longa, tivo a virtude de manter en todo momento a atención do público. Non foi tanto un mitin como un debullar das eivas e atrancos, e dos retos da revolución bolivariana, dándolle en todo momento máis peso aos argumentos que ás consignas. Sorprendeume, xa que, como en tantas outras persoas, os medios de información hexemónicos, crearan en min a sensación de que Chávez, como militar, era exclusivamente un home de consigna e acción. Non era verdade, tiña unha extensa formación, ademais de ser un gran comunicador. Fixo un bo discurso, e ademais amosou ter un proxecto moi elaborado en función da situación interna do país e do complexo contexto internacional. Alí diante de varios centos de dirixentes sindicais, da maioría das organizacións da América Latina, analizou temas como a construción do socialismo XXI, que consideraba un proceso, tanto de sucesivas transformacións como de acumulación de forzas, fuxindo dunha visión simplista.

"Os medios de información hexemónicos, crearan en min a sensación de que Chávez, como militar, era exclusivamente un home de consigna e acción. Non era verdade, tiña unha extensa formación"

En máis de dúas horas de intervención, Chávez amosou os seus coñecementos de historia, economía e xeopolítica, un dominio do materialismo dialéctico, e unha gran capacidade para se relacionar coas clases populares dende o compañeirismo. Un detalle sobre este último aspecto. Durante a súa intervención algúns dos delegados e delegadas sindicais alí presentes, venezolanos, interrumpírono abruptamente, facéndolle observacións e preguntas. En ningún caso se sentiu molesto, e seguiu coa análise que estaba a realizar. Mais, aos poucos minutos, volvía atrás a dar resposta aos interrogantes que se lle fixeron, aceptando críticas, matizando cuestións e clarificando o proceso de cambio, no que sempre reforzaba a idea de que o protagonismo debía ser das clases populares. Non era polo tanto tan espontáneo como se nos di; pensaba antes de responder, e era capaz de facelo mentres debullaba para o auditorio outro tema.

>Naqueles días de xullo de 2010 escribín un artigo sobre o encontro que quero reproducir parcialmente. Dicía “O presidente Hugo Chávez dun modo moi ameno, con moitas matizacións, amosou unha grande formación, e analizou temas tan candentes como a agresión da veciña Colombia (...) ademais, o presidente de Venezuela fixo unha referencia expresa á cuestión do control obreiro (entre outros aspectos). Chávez afirmou que era positivo que a clase traballadora tomara nas súas mans as empresas alí onde se deran as condicións, tanto obxectivas como subxectivas, de xeito tal que permitiran a construción dun modelo produtivo e organizativo máis xusto. Matizou, que se trataba dun proceso anovador, no que as experiencias anteriores non eran totalmente válidas, polo que cumpría experimentar con atrevemento porén tamén coa cautela necesarias. Remarcou que a xestión dos medios socializados pode ser tanto estatal como doutro tipo, sempre que se garanta a propiedade colectiva, polo que todas as posibilidades estaban abertas. As súas palabras sometían a teoría á práctica concreta, e ao envés, revalorizando a praxes (descualificando aos que non queren mudar ren, porén tamén ao ideoloxismo). Venezuela non só é consigna, como algúns pretenden facernos crer”. "Chávez afirmou que era positivo que a clase traballadora tomara nas súas mans as empresas alí onde se deran as condicións",

A morte de Hugo Chávez Frías é un duro golpe para a loita antiimperialista no mundo, tan fortemente condicionada polos medios de comunicación hexemónicos, xa que se perde unha referencia persoal que conectaba cos sentimentos e arelas das clases populares. Aínda así son dos que opino que o proceso de cambio a esta altura xa non depende en exclusiva da súa figura, como reflicten as últimas enquisas que dan ao vicepresidente Nicolás Maduro maioría abondo como para gañar as vindeiras eleccións presidenciais que, seguramente, se realizarán en moi pouco tempo. Sen dúbida hai interrogantes, como, cal será o papel do exército no futuro. Un aspecto que non descoida o imperialismo de Estados Unidos, como se amosou na rápida manobra do expulsado agregado militar da embaixada norteamericana. Daquela, malia que semelle que o proceso continuará, non todo son seguridades e a incerteza se manterá, tanto dentro como fóra do país, até o momento en que se coñezan os resultados da nova elección a presidente. Tampouco se pode ignorar que os procesos de cambio abranguen máis países, e que este núcleo duro élle funcional mesmo a gobernos moderados da rexión, e que as contradicións do sistema capitalista son cada vez máis fortes.

http://manuelmera.blogaliza.org/