Opinión

Catalunya non se enruga

A consulta non se realizará porque é ilegal, dixo Rajoy ao termo do encontro con Mas.

A consulta non se realizará porque é ilegal, dixo Rajoy ao termo do encontro con Mas. É unha frase con vocación de titular, mais na realidade encobre un baleiro conceptual. Na realidade, a consulta non é ilegal porque a lei nada di ao respecto e porque a lei é sempre produto da vontade humana. E aí radica o problema: na falta de vontade política por parte do Estado español. Daí non se move Rajoy. Nin Rajoy nin o PSOE, con cuxo novo líder, Pedro Sánchez, se viu o presidente do Executivo estatal 48 horas antes de se ver con Mas.

Madrid opta, portanto, por un NON desde a bunquerización, o que revela unha extraordinaria falta de visión política a medio e longo prazo.

Que empece que o Parlament aprobe despois do verán unha lei de consultas e que o Goberno do Estado non a leve ao Constitucional? O mesmo que empeceu que no seu momento Madrid transferise a competencia de organizar referendos á Administración catalá? Non hai ningún obstáculo xurídico. Só unha decisión liberrimamente tomada pola elite política española, polo réxime bipartidista. A decisión de non recoñecer Catalunya -e, por extensión, o resto de nacións sen Estado- o status de suxeito político.
Madrid opta, portanto, por un NON desde a bunquerización, o que revela unha extraordinaria falta de visión política a medio e longo prazo. Mesmo a curto prazo. Que dirá Madrid, que dirán Rajoy e Pedro Sánchez se o 11 de Setembro 2 millóns de cataláns se botan ás rúas para demandaren o seu dereito a decidir? Que dirán? Que é ilegal que o pobo catalán queira votar?

Manter o pulso

Non se enrugou Mas, pese a non ter ido a Madrid na mellor das circunstancias, debilitado politicamente polas revelacións que colocan a familia Pujol na mesma lameira da corrupción sistémica en que chapiñan todos os protagonistas do réxime do 78, desde o Borbón até os partidos do bipartidismo. Mantivo o pulso, a determinación de levar adiante a consulta, embora non dispoña do aval do Estado. Non deu ningún paso atrás, o que politicamente é moi relevante.

As próximas semanas a presión vaise intensificar sobre Catalunya, mas obxectivamente o tempo conspira contra o búnquer de Madrid. As nacións piden paso. Este 25 de Xullo viuse tamén que existe enerxía social para Galiza xogar tamén un papel con voz e perfil própios no proceso que inevitabelmente se vai abrir no Estado, o proceso de superación do réxime do 78.

Comentarios