Opinión

Catalunya: unha cuestión de democracia

A campaña electoral catalá está a mostrar cales son os límites da democracia no Estado español

A campaña electoral catalá está a mostrar cales son os límites da democracia no Estado español e como este non dubida en empregar todos os medios ao seu alcance para coaccionar a opinión pública dun dos países, os outros son Galiza e Euskal Herria, que teñen a condición de nacións sen Estado. Non esquezamos que se estas eleccións son plebiscitarias é porque o Tribunal Constitucional baleirou de contido un Estatuto de Autonomía previamente votado polo pobo catalán e porque o Goberno do Partido Popular boicoteou a convocatoria dunha consulta de libre determinación en Catalunya.

As opcións son basicamente dúas: a das forzas independentistas e a dos partidos que, dun xeito ou doutro, advogan pola continuidade de Catalunya dentro da estrutura estatal española

A realidade é que neste momento o que se está a dilucidar nas eleccións ao Parlament de Catalunya é se existe un respaldo social maioritario para que apareza un novo Estado na Península ibérica. E aquí as opcións son basicamente dúas: a das forzas independentistas e a dos partidos que, dun xeito ou doutro, advogan pola continuidade de Catalunya dentro da estrutura estatal española. 

O Estado non quer que a batalla no campo das ideas se libre limpamente. Xoga a baza do medo -desde as advertencias de Obama ás ameazas da patronal bancaria- e aí probabelmente é onde está labrando a súa derrota.

Comentarios