Opinión

Castelao e Míchel Salgado

En 1984 recibiron a medalla Castelao: Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde, Ánxel Fole, Antón Fraguas, Emilio González López, Xaquín Lorenzo, Ramón Martínez López, Isidro Parga Pondal e Valentín Paz Andrade.

En 1984 recibiron a medalla Castelao: Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde, Ánxel Fole, Antón Fraguas, Emilio González López, Xaquín Lorenzo, Ramón Martínez López, Isidro Parga Pondal e Valentín Paz Andrade. Case 30 anos máis tarde reciben o premio os ex-futbolistas Míchel Salgado e Arsenio Iglesias, a deputada do PP Manuela López Besteiro, o xuíz do TS Román García Varela e o pediatra Federico Martiñón Sánchez.

Non hai dúas Españas, e aínda menos mal. España é unha única estrutura político-administrativa construída ao redor da coroa de Castela cuxo contido semántico ten xa pouco que ver co seu vocábulo latino raíz (sinónimo de Península Ibérica). Pola contra, mesmo que sexa copiando un tópico castellano, si que se pode dicir que existen dúas Galizas. Galiza si que é un país (natural) de contrastes, nunca antes reflectidos con tanta nitidez como no período actual, subseqüente á chegada do goberno máis anti-galego da historia.

 En apenas tres anos, o proceso de normalización da cultura e lingua galega semella ter retrocedido até os tempos de Castelao, un feito referendado polo elenco de gañadores das medallas homónimas, que de seguro non escaparían da afiada invectiva do histórico nacionalista:

 "Román García Varela e Míchel Salgado, os galegos que triunfan na 'capital'; Manuela López Besteiro, comparsa lucrada cunha dádiva que repousa na discreción caciquil dos que confunden o patrimonio público cun cortello privado; Arsenio Iglesias, o toque 'enxebre' dos premios e estandarte da cultura galega 'campechana' que fomentan os señoritos". Descoñezo os méritos do doutor Federico Martiñón Sánchez, e resístome a pensar que o seu estudo sobre as enfermidades de "Las Meninas" de Velázquez tivese algo que ver, aínda que isto encaixase perfectamente co meu discurso.

 Tal é o grao de degradación experimentado por estes galardóns que se o premio fose un exemplar do Sempre en Galiza en lugar dunha triste medalla, os gañadores deste ano terían por fin a oportunidade de ler un libro do xenio de Rianxo. Dantesco.

 Dicíamos, pois, que había dúas Galizas: unha Galiza arraigada na tradición e outra Galicia que renega do pasado. A primeira sempre defendeu e defende a importancia dos elementos identitarios propios como o camiño máis axeitado para a modernización e normalización do país: a terra, o mar e as súas artes culturais e industrias connaturais, naturalmente consecuentes. Fronte a isto, a Galicia rexionalista xustifica a súa rendición e posición submisa fronte a Coroa de Castela (e quen sabe se ocultando vergoñas ante os seus ascendentes) con mentiras e eufemismos deturpadores. Así, como quen non quere a cousa, o alleo é sinónimo de moderno; o sector terciario ou servizos é industria transformadora; a gastronomía é cultura galega, mentres que a Cultura con maiúscula é a que se practica na lingua de Cervantes ou – coitadiños imperialistas fracasados – na de Shakespeare. Como non podía ser de outro xeito, o sector primario é o atraso; os anceios de autonomía, de autodeterminación – en definitiva, de liberdade – perante Madrid, Bruxelas ou Berlín son condutas isolacionistas; a madeira só serve para facer papel, que os mobles xa se fabrican en Suecia e se compran en Ikea; e o galego... pois o galego é iso, "demasiado gallego". Poderíamos seguir e non nos chegaría o día para salientar exemplos en todos os eidos sociais, culturais e económicos onde se reflicten as dúas maneiras de entender Galiza, mais ningún sería tan paradigmático como Padrón e as súas fundacións Camilo José Cela e Rosalía de Castro.

 A primeira é herdeira directa dos negocios turbios do "honrado" e a súa querida, destinados moitos deles a deixar sen herdanza ao seu fillo e muller, como veñen de ditar os tribunais esta mesma semana. A entidade foi nacionalizada pola Xunta do PP para reparar a súa avultada débeda con diñeiro público (unha especie de Bankia, mais non tan besta, para iso somos de provincias), débeda incrementada en máis dun millón de euros polo resultado da mencionada sentencia.

 A poucos metros deste mausoleo empapuxado de millóns descansa unha humilde casa de pedra, fogar dunha muller que nin gañou un premio Nobel, nin unha mísera copa do mundo, e que, ademais, non era española. No ano 2010, a Fundación Rosalía de Castro recibía da Xunta unha subvención 10 veces máis cativa que a da fundación veciña (35.000 e 355.000 euros, respectivamente). Este mesmo ano, o diñeiro público que ten asignado por subvención directa a institución adscrita ao endebedado patrimonio do escritor español (256.000 euros) é 44 veces máis que o que lle corresponde a todos os escritores en lingua galega (6.000 euros).

Todo isto nun contexto onde os líderes do goberno español non teñen ningún reparo en afirmar que as solucións á grave crise actual, máis virulenta cos países que apostaron polo modelo mediterráneo (especulación inmobiliaria e turismo) en detrimento do seu tecido produtivo autóctono e condicionada polo humor cambiante dos Estados ricos da UE, son "más España y más Europa".

 Ante o rodete de "La Roja" e en vésperas de Eurocopa ("tenemos suerte de ser españoles", vén de dicir un dos futbolistas millonarios, ningún deles galego, por certo), os que nos definimos como defensores – ante os ataques – da tradición e da identidade nacional galega, da independencia e da liberdade, non nos queda outra que admitir que estamos perdendo. Mais isto, infelizmente, non é un xogo; aquí ninguén gaña...

Comentarios