Opinión

Capital(-ismo) e identidade.

Cuestións familiares fixeron que pasase no inicio da presente semana por un novo centro comercial aberto na capital da Galiza –centro de nome que non citarei para evitar publicidade gratuíta, malia que desgrazadamente a maior parte das e dos que están a isto ler coñecerán… Como non o imos coñecer?-.Tomei a visita por este espazo adicado ao consumismo como se se tratar dun estudo de campo.

Cuestións familiares fixeron que pasase no inicio da presente semana por un novo centro comercial aberto na capital da Galiza –centro de nome que non citarei para evitar publicidade gratuíta, malia que desgrazadamente a maior parte das e dos que están a isto ler coñecerán… Como non o imos coñecer?-.

Tomei a visita por este espazo adicado ao consumismo como se se tratar dun estudo de campo. Tentei agudizar todos os meus sentidos, xa que logo, para observar e analizar con detalle o entorno.

A miña avoa paterna, a quen acompañaba, surprendeume, mais unha vez, coa súa aguda percepción da realidade. Espeteu de súpeto: …parece que estamos en Madrid! .

A miña avoa –que vivíu máis de media centuria na villa y Corte- facía referencia, con estas palabras, á atención dada ao público pola maior parte das e dos empregados das principais firmas presentes no devandito centro comercial. Efectivamente! Quitados pequenos establecimentos, así como unha grande marca téxtil transnacional nascida no país, o resto dos negocios oferecían e oferecen a través dos seus traballadores un trato en español -e, naturalmente, españolizante-. Coa singularidade de que o sotaque galaico, desta ou aquela variante dialectal -ao que estamos afeitos no habitual castrapo do que non poucos e poucas fan gala-, non tiña presenza por ningures no español empregado.

E é que, aumentando a nosa surpresa, achamos que a maioría destes traballadores e traballadoras eran españois de España -permítaseme esta expresión que ben comprenderán…-; incluídos, por certo, os dous operarios cos que nos atopamos no aparcamento diante do remate do noso ‘estudo de caso’ –quen ao lles formularmos unha pergunta referida ao lugar no que tiñamos o noso vehículo, nos indicaron: …no somos de aquí, cómo dicen? Ver para crer!

Esta realidade é casual? Pode ser casual?

Alguén podería pensalo, mais teño para min que o que veño de reseñar resposta á mesma lóxica a que atende, poño por caso, unha grande firma comercial que de inglesa non ten nada e que, a modo de efectivos enclaves de españolización, fixa no noso territorio espazos para o consumo masivo relacionando, entre outros valores, moda e elegancia co español.

A gravidade deste asunto, se callar, é maior no contexto crítico e depresivo no que estamos. Así, para alén doutras cuestións que poderiamos comentar, pergúntome como as autoridades da capital do noso país non negociaron -á hora de licitar a obra que deu lugar a semellante oda ao consumismo – a favor da clase obreira galega? É que non son miles as e os compatriotas que na Terra non teñen substento algún por falta de emprego? Non son miles aquelas e aqueles que do país teñen de marchar para buscar un pan que aquí se lles nega…?

Nas datas que se aviciñan non estaría de máis desenvolver unha activa campaña contraria a este e outros centros que marxinan a nosa Terra, da que tiran lucro -arruinando, por se o indicado fora pouco, un sector produtivo básico como é o agrario, vendendo leite, por exemplo, a prezos irrisorios e insultantes-…

Eu, prometo, así o farei.

Comentarios