Opinión

Cando imos ter siso?

Non seny senón siso. Como nos cómpre ás galegas e galegos. Mentres Catalunya, dentro da súa diversidade e estratexia partidaria, está a pactar unha fronte soberanista cun mínimo de puntos comúns, aquí seguimos encerellados a mirar se a nosa leiriña vai “menos peor” ca a do veciño. En lugar de pensarmos en sumar esforzos e acadar resultados que nos melloren a todos, pois que mellorarían o país.

Non podemos seguir así, inermes e choromiqueiros, recuando ata a derrota final. É urxente un acordo de país entre as forzas que cren nun futuro nacional digno para Galiza. É imprescindible un acordo de mínimos que garanta  unha ampla base de goberno nos concellos e as deputacións, a presenza  da nosa nación no Parlamento Español ao través dun grupo parlamentario propio e a mudanza de goberno por medio dunha maioría suficiente no parlamento de Compostela. E é vital que Galiza acade o pleno recoñecemento dos seus dereitos nacionais de xeito efectivo e eficaz.

Como primeiro paso, as forzas soberanas galegas deberían asinar o acordo dun marco común que abranxa un feixiño de puntos estratéxicos para a nosa supervivencia como pobo. Por exemplo :

1) A elaboración e posta en marcha dun Plano de Recuperación da Natureza de Galiza que comprenda a a renovación da vida do noso monte, do noso agro, da nosa gandería, do noso mar e das nosas rías.

Mentres Catalunya, dentro da súa diversidade e estratexia partidaria, está a pactar unha fronte soberanista cun mínimo de puntos comúns, aquí seguimos encerellados a mirar se a nosa leiriña vai “menos peor” ca a do veciño

 

2) A elaboración e posta en marcha dun Plano de Recuperación Industrial de Galiza que poña en valor os nosos recursos baixo a perspectiva da creación de emprego respectuoso co ambiente e os intereses da poboación.

3) A elaboración e posta en marcha dun Plano de Recuperación Demográfico de Galiza que teña como obxectivo prioritario o regreso da poboación emigrada, maiormente dos sectores máis novos.

4) A elaboración e posta en práctica dun Plano de Coordinación, Rehabilitación e Mellora dos Espazos Urbanos, Periurbanos e Rurais.

5) A urxente posta en marcha, ao completo, do Plano de Normalización Lingüístca  de Galiza aprobado no seu día polo Parlamento Galego.

É doado porse de acordo sobre a necesidade destes puntos ou outros semellantes; o verdadeiramente difícil é arrombar prexuízos, vetos e hábitos profundos e dogmáticos que non só impiden o avance do país senón que afondan decotío o  burato que nos separa das comunidades que avanzan con paso firme.

Son horas de decidir se o ben do conxunto dos galegos e galegas está ou non por riba da cativeza de cada un de nós

Comentarios