Opinión

Camiño de ferro: realidade e propaganda

O Partido Popular e as súas poderosas terminais mediáticas presentan a nova liña ferroviaria Vigo-A Coruña como o Eixo Atlántico da alta velocidade.

O Partido Popular e as súas poderosas terminais mediáticas presentan a nova liña ferroviaria Vigo-A Coruña como o Eixo Atlántico da alta velocidade. Mais a realidade é que nin é Eixo Atlántico -ao deixar fóra a conexión Ferrol-A Coruña e Vigo-fronteira portuguesa-, nin é alta velocidade, ao non se iren rexistar as velocidades que se alcanzan nos corredores do AVE.

É máis: como ilustramos no Tema da Semana do número 141 de Sermos Galiza, a nova liña ferroviaria Vigo-A Coruña que con tanta trombetearía se inaugurará este sábado 18 de abril só representa o 64% dun trazado que na orixe tencionaba modernizar 241 quilómetros, os que marcan a distancia entre Ferrol e a fronteira con Portugal.

A nova liña ferroviaria Vigo-A Coruña que con tanta trombetearía se inaugurará este sábado 18 de abril só representa o 64% dun trazado que na orixe tencionaba modernizar 241 quilómetros

A discriminación de Ferrolterra é lacerante e non ten ningunha caste de explicación nin política nin social nin económica. É máis un castigo a unha comarca severamente penalizada pola crise do sector naval e pola presenza, en Ferrol cidade, do Ministerio de Defensa como propietario da maior parte do solo urbano. O Estado ten un comportamento plenamente colonial con esta cidade, que, alén do máis, carece de toda protección por parte do goberno galego.

A propaganda está a machucarnos por terra, mar e ar estes días, mais a realidade é teimuda: 15 anos despois de comezadas as obras, financiadas en parte polo erario público galego, o Eixo Atlántico non é tal e responde a unha planificación e unha ordenación do territorio que un goberno galego soberano tería de emendar de arriba a abaixo.

Comentarios