Opinión

Caldo pego

Nestes días pasados en que as festas e comidas familiares tanto abundan, e as consecuentes tertulias de sobremesa, tiven ocasión de asistir a unha, como simples ouvinte, que centraba o debate sobre as duras condicións de vida das clases máis desfavorecidas na década dos cuarenta do século XX.

Nestes días pasados en que as festas e comidas familiares tanto abundan, e as consecuentes tertulias de sobremesa, tiven ocasión de asistir a unha, como simples ouvinte, que centraba o debate sobre as duras condicións de vida das clases máis desfavorecidas na década dos cuarenta do século XX. @s tertulian@s, cuxa media de idade andaba polos oitenta anos, lembraban os esforzos que había que facer para sobrevivir, en contextos de abundante familia que alimentar e como, moitas veces, a única comida do día era un “caldo pego” aclarando a continuación -obviamente para min - que era este un alimento elaborado cando da pota de caldo tradicional xa non restaban nin patacas nin verduras nin fabas, vertendo entón nesa auga que quedaba fariña milla para elaborar unhas papas.

A expresión, que eu descoñecía, tróuxome á cabeza o actual proceso de perda de dereitos cidadáns e de recentralización do estado. Desa pota en que fomos depositando os dereitos sociais conquistados ao longo dos anos -dereito ao traballo, á saúde, ao ensino, etc. - e que constitúen os ingredientes básicos en que se sustenta a pirámide alimentar dunha sociedade democrática, foron retirando, cullerada a cullerada, ano a ano, primeiro un, despois o outro até deixar só a auga en que ferver, coa fariña da crise, co sal da prima de risco, coa graxa do BCE, esas papas con que nos queren agora alimentar.

Diranme que eses dereitos seguen existindo e é verdade. Existen no papel, igual que no papel existe a receita do caldo pego. Porque de que serve que exista o dereito ao traballo se unha de cada cinco persoas na Galiza non o pode exercer; temos dereito á saúde, mais obrígannos a compralo novamente, a repagalo. Temos dereito a un ensino de calidade, mais destrúense ou elimínanse os medios públicos necesarios para o facer efectivo mentres se incrementan os recursos para o privado en base a concertos fraudulentos. Temos dereito a utilizar a nosa lingua en calquera contexto, mais lexíslase para cortar usos en vez de os ampliar.

Temos dereitos, efectivamente, mais están suspendidos, na práctica, por iso que se deu en chamar mercados, por eses indicadores que mide a “prima de risco”, de risco para os nosos dereitos, claro.

Eis o caldo pego que nos ven dado, feito con fariña milla de fóra. O que xa ten graza é que, ademais, nolo vendan como cociña moderna. E iso é o que fará Feijóo nesta próxima campaña, como xa o fixo durante a lexislatura que acaba de interromper, a seis meses do seu fin.

Comentarios