Opinión

Benvido 2013

Bebidos os últimos grolos do ano que xa foi -malfadado para algúns e de empodeiramento brutal para outros- e afacéndomonos ao arrecendo destas primeiras xornadas do aninovo que aínda está a se descubrir, este 2013 será un ano que irremediabelmente pasará á nosa historia persoal con etiquetas de seu, coas que cadaquén irá cosendo con fíos de cores, en branco e negro ou escala de grises a sucesión de

Bebidos os últimos grolos do ano que xa foi -malfadado para algúns e de empodeiramento brutal para outros- e afacéndomonos ao arrecendo destas primeiras xornadas do aninovo que aínda está a se descubrir, este 2013 será un ano que irremediabelmente pasará á nosa historia persoal con etiquetas de seu, coas que cadaquén irá cosendo con fíos de cores, en branco e negro ou escala de grises a sucesión de días e noites.

Hai quen sente o desexo de aventurar as liñas continuas e discontinuas que iremos trazando como individuos e como sociedade que cohabitamos nun medio común. Ou máis ben, semella que habita sibilinamente entre nós quen as traza dilixentemente para pór a proba se a bandada, cardume, enxame, formigueiro, piara, recua ou demais substantivos colectivos animalarios -porque a condición de ser humano ou persoa xa imos vendo que non é socia de preferencia- as acepten baixo o maxisterio adoutrinador cristián, católico, apostólico e románico, ao amparo da tríada das virtudes teologais: Fe, Esperanza e Caridade.

No entanto, semella que xa non é suficiente este tradicional triplete, porque agora o necesario complemento cristián en clave política -porque certas liñas programáticas do PP da capital do Imperio semellan escribirse dereitas no catecismo político con liñas tortas, a imaxe e semellanza do mesmísimo Deus!-, en boca do presidente Rajoy, demanda de nós Confianza, Comprensión, Solidariedade e Sacrificios inevitables, isto é, suficientemente batida unha meixela, coloquen a outra.

Máis próximos a nós, o presidente Feijoo despediu o ano facendo fincapé na abstración da Unidade, desde a concreción da súa quebra reiterada; apelando á Forza común, cando a súa sinatura legalizou medidas debilitadoras de sectores produtivos, industriais básicos para a economía do país; proclamando o Optimismo, antes de sabemos que os anuncios da súa busca e captura outorga un millón de euros a unha empresa adxudicataria; alentando a Tranquilidade dos desempregados, pois anunciou que estaban presentes en cada unha das decisión que o seu goberno adopta, mais a traidora realidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social para o mes de decembro sitúa Galiza como líder en destrución de emprego do Estado español, así que @s parad@s andan a cruzaren os dedos e as dedas todas do corpiño para que a lembranza non os abafe tanto! E, por suposto, cumpría redundar no concepto de Estabilidade, pois Galiza é unha “comunidade estable, con rumbo seguro e horizonte certo”, se ben as limitacións do tempo, que ben sabemos que na televisión é ouro, e o formato dun discurso coma este, pouco ou nada dado a localismos, impediu citar como exemplo excepcional o caso da capital, Santiago de Compostela.

Menos mal que todo ficou claro ao nos lembrar que “A galeguidade non é outra cousa que unha man tendida ao galego que temos ao noso lado, e aos que comparten con nós unha mesma visión do progreso e da liberdade”.

Isto é, pode ser que ousar tender a súa man a outro galego que ten ao seu lado, aínda que non compartan a mesma visión de progreso e liberdade, os exonere da casta e pura condición de galeguidade. Están moi avisad@s!

Mais non pensen que isto poida resultar para min o máis preocupante, non. O peor de todo é que me sinto deslexitimada, como profesora de lingua e literatura galega, para introducir o meu alumnado, á volta do descanso de nadal, no vizoso Rexurdimento galego, porque como lles explico eu que de verdade que a Casa da Matanza non é a casa natal de Rosalía de Castro no seu difícil tránsito vital? Como os convenzo de que naceu en Compostela e que nunca tivo casa de seu? Como podo ousar contradicir ao mesmísimo Presidente da Xunta no seu discurso oficial de Fin de Ano? Ou será que postos a recortar, xa tamén deben os currículos escolares acurtar, simplificar, banalizar -que non mentir, claro!- o amplo periplo vital da culta escritora de noso?

E xa postos a continuar con preocupacións de índole escolar -desculpen esta miña deformación profesional- si debo dicir que aos dous gobernantes anteriores e tamén ao alcalde da miña cidade, A Coruña, esa cidade cuxa máxima insignia e orgullo deportivo din que vai participar nun deses concursos agora tan de moda chamado de “acredores”, ao tempo que instalará un maior benestar no merecido descanso laboral da fin de semana dos futboleiros, baixo o lema de “Domingos Paciencia”, debo agradecer o hipercorrecto uso que obrigan a difundir os escasos medios de comunicación en galego do verbo de alternancia vocálica subir, incidindo especialmente nas terceiras persoas de singular e plural: sobe e soben.

Porque se algo levamos aprendido é a facilidade expansiva coa que o cambio de ano ten permitido subilo todo. Grazas ás súas ordes ministeriais, decretos e ordenanzas municipais sobe a luz, sobe o transporte ferroviario, soben as peaxes das autoestradas, soben os servizos postais, etc.

Tamén non nos libramos da desprotección quen vivimos nesta cidade-península -que algún alcalde anterior quixo bautizar como cidade-estado- á hora de encarecer bens de primeirísima necesidade como a auga, gravando de maneira notoria o consumo que realizamos a maioría da poboación, nin da importante suba das tarifas do prezo do bus urbano, nomedamente para os sectores máis desfavorecidos ou con menor capacidade adquisitiva (bonobús escolar e universitario, persoas xubiladas, desempregadas e con discapacidade, que soben entre un 10 e un 11%). E todo isto, ao mesmo tempo que desde o propio goberno municipal se lle acrecenta a subvención á empresa de tranvías, polo que xa que pagamos dúas veces, ben nos poderían pasear dúas veces por esta fermosa cidade.

E, mentres tanto, en plena conxugación do verbo subir, baixa o frío da conxelación do salario mínimo interprofesional, dos soldos do funcionariado, das pensións, das recomendacións de “moderación salarial” para aqueles afortunados que aínda gozan do que semella terse convertido en privilexio …

E será que este xaneiro entrou algo máis frío?