Opinión

Bentham e as redes sociais

A finais do século XVIII o rei británico Xurxo III encargoulle ao pensador e xurista Jeremy Bentham que repensase o deseño dos cárceres do reino. Bentham ideou unha prisión cuxo modelo perdura até os nosos días, o Panopticon, en que desde un só punto cun só ollar podíase vixiar todo.

A finais do século XVIII o rei británico Xurxo III encargoulle ao pensador e xurista Jeremy Bentham que repensase o deseño dos cárceres do reino. Bentham ideou unha prisión cuxo modelo perdura até os nosos días, o Panopticon, en que desde un só punto cun só ollar podíase vixiar todo. Malia que non convenceu o monarca, Bentham estaba seguro de que a idea era boa e desenvolveuna impoñéndoa non só no eido penitenciario senón que lle atopou aplicacións nas fábricas de produción industrial e na educación.

A maior ironía da vida deste home foi á súa morte, cando decidiu doar o seu corpo á ciencia e así foi diseccionado nunha aula maxistral pero conservando o seu esqueleto totalmente vestido e cunha cabeza de cera nunha furna de cristal no University College de Londres onde segue exposto e presidindo as sesións do consello académico sen voz nin voto.

É bastante obvio que o modelo panóptico de vixilancia segue presente pero coa chegada dos medios de comunicación masivos, internet e as redes sociais estamos a mudar cara a un modelo sinóptico, é dicir, un modelo onde a grande maioría das persoas non precisa ser vixiada porque está a prestar toda a súa atención cara a un número determinado e limitado de puntos. Exactamente igual que Betham, que de idear un sistema de vixilancia case demiúrxico pasou a converterse en observado por centos de miles.

Nesta liña Noam Chomski afirma que o mellor xeito de manter á xente pasiva e limitar o espectro de opinión e de pensamento pero permitir feroces debates dentro del, o que vén sendo unha falsa ilusión de liberdade de expresión. Supoño que isto é outra obviedade dentro do sistema democrático actual ao que só teñen acceso as propostas que pasan polo funil da lei electoral que é a que determina que é aceptable ou que non o é.

Con internet está sucedendo algo similar. Coa chegada das redes sociais, sobre todo Tuenti e Facebook, reduciuse amplamente o número de páxinas web consultadas por persoa. Iso significa que navegamos menos, que pese a inmensidade que é a rede cada vez quedámonos só co que nos ofrecen as nosas redes sociais favoritas, en definitiva, que estamos a limitar o espectro de pensamento e opinión de que Chomski falaba e que converte as redes sociais en axentes de vixilancia sinóptica, sobre todo desde que lle damos acceso a empresas privadas aos nosos perfís con datos persoais, fotografías, lembranzas, contactos, opinións, gustos,... todas esas pequenas cousas polas que unha empresa de estudos de mercado pagaría centos de miles de euros. E llas estamos a dar gratis e sen sequera botar un ollo ás mais que dubidosas políticas de protección de datos que nos fan asinar. Nalgúns casos abren a porta ao suposto legal de que toda esa información, pasados uns anos, deixe de ser nosa para ser propiedade da propia rede social ou, simplemente, outra mercadoría con que comerciar.

Comentarios