sábado 11.07.2020

Banca: saqueo e beneficios

Os dados dos beneficios da banca no Estado español en 2014 son verdadeiramente insultantes e constitúen o reflexo de cal é a correlación de forzas real entre as elites no Estado

Os dados dos beneficios da banca no Estado español en 2014 son verdadeiramente insultantes e constitúen o reflexo de cal é a correlación de forzas real entre as elites no Estado, cun esmagador dominio do grande capital financeiro sobre calquera outro actor social ou económico. Os gaños situáronse por volta dos 10.000 millóns de euros. Para xulgarmos cabalmente esta cifra debemos reter estoutra: 88.000 millóns de euros. A esa monstruosa cantidade ascenden as axudas de capital emprestadas á grande banca polo erario público español. Representa o 8,4 por cento do PIB español, practicamente o duplo do que a media da UE encamiñou ao sector financeiro.

Eses 88.000 millóns de euros volatilizáronse na práctica: en realidade, foron empregados polo capital para enxugar as súas perdas, puro socialismo para ricos. Contra o dito no seu momento por De Guindos, o Estado non vai recuperar case nada de tan elefantiásica suma. En concreto, a estas alturas apenas se ten recuperado o 4,3% das axudas directas á banca, segundo admitía hai uns días o Banco de España.

Este socialismo para ricos, centralizador e centralista -Madrid ten hoxe máis poder financeiro do que antes da crise- non é o que lle convén a Galiza

Dito doutro xeito: os sacrificios sociais vía recortes son os que teñen permitido financiar, a través da drenaxe de tan enorme cantidade de recursos públicos, a reconstrución do sistema financeiro após a crise de 2007-2008. Unha reconstrución feita, aliás, sobre dous alicerces: a privatización do sistema de caixas e a hiperconcentración do sector. Como afirma Clodomiro Montero no artigo que publicamos na páxina 12 deste número de Sermos Galiza, neste momento os beneficios do sector van para apenas 5 ou 6 bancos, cando antes se repartían entre 100 entidades.

Este socialismo para ricos, centralizador e centralista -Madrid ten hoxe máis poder financeiro do que antes da crise- non é o que lle convén a Galiza. Galiza precisa doutra política financeira. Unha política financeira que se faga desde o sector público, porén non para transferir recursos a negocios privados especulativos, mais si para financiar a economía produtiva. Esa política financeira só a pode facer unha banca pública galega, no marco dunha  política económica autocentrada no país, e orientada a que os beneficios se reinvistan aquí e non se drenen cara fóra.

comentarios